DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

A Feira do Libro regresa este sábado á Alameda

27/04/2018 Dende mañá sábado, 28 de abril, ata o próximo 6 de maio, a Alameda de Santiago acollerá unha nova edición da Feira do Libro, xa a número 37. Este ano, a Feira leva por lema "Ler sen fronteiras", e na súa programación figuran numerosas actividades para o público infantil. En parte delas terá protagonismo María Victoria Moreno, a autora á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

A 37ª edición da Feira do Libro de Santiago foi presentada hoxe pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a coordinadora da Federación de Librarías de Galicia, Nani Regueira.

Dez casetas e preto de medio cento de actividades
Nesta edición da Feira do Libro participan 10 casetas. A inauguración será mañá sábado, ás 12:30 horas, e nesta ocasión o pregón correrá a cargo da escritora Rosa Aneiros. No acto tamén actuará a Banda Municipal de Música, e de seguido quedarán inauguradas as dúas exposicións da feira: Viaxe por India, da fotógrafa Carlota Añón, e Lorca & Galicia, de Alvarellos Editora.

Nani Regueira destacou "o amplo programa de actividades desta edición, pola que pasarán máis de 60 persoas vinculadas ao mundo do libro, para intervir en mesas redondas, presentacións ou firmas de exemplares". A coordinadora de Federación de Librarías salientou algúns nomes propios como os de Berta Pichel, Marcos Calveiro, Helena Villar Janeiro ou Fernando Cimadevila.

Tamén incidiu nas actividades relacionadas coa autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno. Así, presentarase o libro María Victoria Moreno, sementadora de futuro, de Isabel Soto e Xabier Senín; e Ánxela Gracián e Antonio Seijas asinarán exemplares de Doce cartas a María Victoria Moreno. Na última xornada da feira, o 6 de maio, haberá unha actuación infantil na que se porá en relación a obra de Rosalía de Castro coa de María Victoria Moreno.

Ampla oferta para o público infantil
Gran parte das actividades desta 37ª Feira do Libro de Santiago están dirixidas ao público infantil. Haberá propostas de narración oral para bebés, contacontos, obradoiros de personalización de libros, de ilustración ou de escrita creativa. Tamén destacan a presenza de Títeres Cascanueces ou o concerto de Mamá Cabra.

Compartir: