MEDIO AMBIENTE E CONVIVENCIA

Preto de 150 locais do Ensanche súmanse á campaña de recollida selectiva de envases lixeiros na hostalería

27/03/2018 Preto de 150 establecementos de hostalería do Ensanche veñen de sumarse ao proxecto para a mellora da recollida selectiva de envases lixeiros no sector HORECA, impulsado pola Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia en colaboración con Ecoembes e coa Xunta de Galicia. Os locais empezarán a recibir nos vindeiros días os contedores de pequeno tamaño que utilizarán para separar os seus residuos.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, deu conta hoxe do proxecto, nun acto celebrado nun dos establecementos adheridos, a Tapería Castelao. Na presentación tamén participaron María Cruz Ferreira, directora xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia; Bruno de Llano, especialista en xestión local e autonómica de Ecoembes; e Sara Santos, presidenta de Hostalería Compostela.

Xan Duro explicou que o proxecto "nace dun acordo asinado con Ecoembes, co que o Concello continúa coa súa aposta decidida por fomentar a recollida selectiva, sobre todo entre o sector hostaleiro". O edil lembrou que esta iniciativa "súmase ao programa de recollida de vidro Porta a Porta nos establecementos de hostalería da cidade histórica, que permitiu incrementar nun 32% a recollida desta fracción, ata superar as 1.900 toneladas en 2017". Agora, apuntou Xan Duro, preténdese que "esta boa evolución se traslade á recollida de envases lixeiros, que ademais se traduce en ingresos para o Concello de Santiago". O ano pasado recolléronse máis de 1.500 quilos de envases lixeiros, 15,7 quilos por habitante, polos que Ecoembes lle pagou ao Concello de Santiago case 240.000 euros.

No proxecto presentado hoxe participarán 148 establecementos. En 97 casos, os propietarios e propietarias declararon que xa separaban os residuos con anterioridade á posta en marcha da campaña, pero os demais incorporaranse á recollida selectiva grazas a esta iniciativa. Para facilitarlles as cousas, os establecementos participantes recibirán contedores de pequeno tamaño, e o seu persoal recibirá a formación precisa para asegurar unha correcta participación na recollida.

Tanto da formación como do subministro dos contedores encárgase Ecoembes. O seu especialista en xestión local e autonómica, Bruno de Llano, mostrou a súa satisfacción coa acollida do proxecto en Compostela, que "se traducirá nun incremento notable das taxas de recollida selectiva de envases lixeiros". Tamén explicou que, nunha primeira fase, a campaña desenvólvese no Ensanche, "pero se hai interese por parte do sector poderíase ampliar a outros puntos da cidade".

A sinatura do convenio entre o Concello de Santiago e Ecoembes permite desenvolver en Compostela o acordo que teñen firmado a Xunta de Galicia e Ecoembes para fomentar a recollida selectiva de envases no sector HORECA. A directora xeral de Calidade Ambiental, María Cruz Ferreira, agradeceu o traballo do sector hostaleiro, que "sempre se suma ás iniciativas que se poñen en marcha para fomentar a recollida selectiva de lixo e a reciclaxe".

Na rolda de prensa tamén participou a presidenta de Hostalería Compostela. Sara Santos expresou o respaldo da asociación e o compromiso do sector coa recollida selectiva de envases, "conscientes de que somos os grandes xeradores deste tipo de residuos". Ademais, quixo facer unha chamada a que novos establecementos se sumen ao proxecto, porque "Hostalería Compostela é unha asociación comprometida co coidado do medio ambiente, e os nosos socios tamén o están".

Compartir: