BENESTAR ANIMAL

A nova directora do Refuxio fíxase o reto de "converter Bando nun centro de referencia en Galicia"

26/03/2018 O Refuxio de Animais de Bando inicia unha nova etapa coa incorporación da súa nova directora. Olalla García foi designada para o posto polo acordo unánime da Fundación Refuxio de Animais, na que están representados os diferentes grupos políticos da Corporación municipal e asociacións ecoloxistas e animalistas. A concelleira de Benestar Animal, Noa Morales, acompañouna hoxe na súa presentación ante os medios de comunicación.

Noa Morales explicou que Olalla García vén colaborando activamente con entidades de protección animal dende o ano 2011. Ademais, foi voluntaria do Refuxio de Bando "e iso fai que teña un amplo coñecemento de como funciona a entidade, cales son os seus puntos fortes e as cuestión que se precisan mellorar". A concelleira de Benestar Animal salientou que "o proxecto de actuación que presentou para o Refuxio foi moi ben valorado por todos os membros da Fundación".

Por un centro de referencia
Tal e como recolleu na súa memoria de actividades, Olalla García explicou que o seu obxectivo "é converter o Refuxio de Bando nun centro de referencia de protección animal en Galicia, tendo como base o sacrificio cero, mellorando a calidade de vida dos animais que se atopan nas instalacións e potenciando a comunicación e as relacións con outros centros e outras asociacións".

A nova directora do Refuxio defendeu a posta en marcha medidas que fomenten a captación e reorganización do voluntariado, "apostando pola formación, nomeando voluntarios responsables que se encarguen de supervisar a labor do resto de compañeiros, e designando tamén un representante dos voluntarios e voluntarias".

En canto ás melloras precisas nas instalacións de Bando, Olalla García sinalou como prioridades "a recuperación da aula de educación ambiental, que leva tempo usándose como almacén, e a adecuación da zona de gateiras, a máis descoidada de todo o Refuxio".

Fomento das adopcións
Outro dos retos da nova directora do Refuxio de Animais de Bando e fomentar "as adopcións responsables, a través de procesos nos que os posibles adoptantes teñan que superar unha exhaustiva entrevista e no que se asine un contrato de adopción que permita facer algún tipo de seguimento do animal que asegure que está en boas condicións". Olalla García tamén pretende fomentar a colaboración coas casas de acollida e mellorar a organización dos apadriñamento, "mesmo creando un carné ou ficha que facilite a relación dos voluntarios e voluntarias cos padriños ou madriñas".

Na súa memoria, a nova directora do Refuxio incidía tamén na necesidade de mellorar as campañas de concienciación para reducir o número de abandonos, "estendéndoas aos concellos de Vedra e Teo, que tamén forman parte da Fundación Refuxio de Animais de Bando; celebrando charlas de concienciación na aula de educación ambiental do propio Refuxio, unha vez recuperada; e poñendo en marcha labores de concienciación no Camiño de Santiago, de onde proceden moitos dos animais que acaban nas instalacións".

Outras actividades
Olalla García tamén se referiu á necesidade de mellorar a situación económica do Refuxio "captando máis recursos privados que se sumen aos ingresos procedentes das adopcións, das cotas dos socios, das doazóns puntuais e dos apadriñamentos". A nova directora apuntou algunhas vías para captar eses fondos, como a organización de mercadiños, concertos e calendarios solidarios; a procura de patrocinadores ou as campañas de recollidas de alimentos e produtos para cans e gatos.

Por último, a nova directora explicou que un dos primeiros pasos para converter Bando nun centro de referencia "é modificar a imaxe corporativa do Refuxio, renovando a súa páxina web, o seu logo e as súas redes sociais".

Compartir: