TURISMO

Turismo de Santiago estrea unha axenda on line cos congresos e eventos que se celebran na cidade

23/03/2018 A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron a nova axenda de congresos e eventos que se celebran na cidade, que se pode consultar na páxina www.santiagoturismo.com. A ferramenta responde así a unha demanda tradicional do sector, que reclamaba coñecer coa maior antelación posible as datas de celebración de eventos e congresos na cidade para así poder adaptar a súa oferta.

A nova ferramenta está xestionada polo Santiago de Compostela Convention Bureau, servizo de Turismo de Santiago para a promoción como destino de congresos. Para a inclusión na axenda séguense os criterios definidos polo Spain Convention Bureau: ter un número mínimo de 50 participantes, ter unha duración mínima de 6 horas, celebrarse no termo municipal de Santiago, estar confirmado e ser xa público ou contar coa aprobación dos organizadores para publicalo na axenda. En xeral exclúense eventos culturais, deportivos, galas, feiras…, salvo casos concretos de especial relevancia para o destino.

O ano 2018 continúa coa tendencia positiva no sector congresual que comezou hai un par de anos. Neste ano celebraranse importantes eventos e congresos, que servirán para dinamizar o sector en diferentes momentos do ano. Só entre os seis principais congresos e eventos que se celebrarán este ano chegarán a Santiago máis de 6.000 participantes.

Os principais eventos son: Campionato do Mundo de Xadrez Infantil, que se celebrará do 3 ao 18 de novembro e ao que asistirán unhas 3.000 persoas, cun impacto económico estimado duns cinco millóns de euros; XXXV Congreso Nacional de Enfermería de Saúde Mental; Prion 2018 (Congreso Internacional do Sector da Medicina Molecular); EDF Congress 2018 (Congresos dos Produtores Lácteos Europeos); 49 Congreso Nacional de Podoloxía; e V Congreso Nacional de Áridos.

A previsión é que esta tendencia positiva mellorará incluso no 2019, no que xa están confirmados cinco congresos médicos de máis de 1.000 participantes; outros tres congresos de máis de 500 participantes que se celebrarán no primeiro cuadrimestre, fomentando a desestacionalización da demanda; e outros tres congresos europeos que terán entre 300 e 800 participantes.

Semana Santa, Festa de Interese Turístico
A concelleira Marta Lois aproveitou a rolda de prensa para manifestar a satisfacción do Concello de Santiago polo informe favorable emitido polo Consello Galego do Turismo sobre a petición por parte do Concello de Santiago e da Xunta de Confrarías para que a Xunta de Galicia recoñeza a Semana Santa de Santiago como Festa de Interese Turístico.

A Semana Santa de Santiago é unha festa cunha antigüidade contrastada, que pon en valor a cultura e as tradicións populares e conta cunha especial importancia como atractivo turístico, polo que dende o Concello de Santiago considérase que cumpre coas condicións para obter a declaración de Festa de Interese Turístico. Por este motivo, dende Turismo de Santiago e a Xunta de Confrarías cubriuse o expediente completo para solicitar o recoñecemento. O expediente presentouse ante a Xunta de Galicia o 11 de abril do 2017.

Compartir: