MOBILIDADE

A folga do transporte provoca a caída de usuarios nos autobuses en 2017

22/03/2018 A folga do sector do transporte de viaxeiros convocada en xuño de 2017 provocou unha caída no número de usuarios dos autobuses urbanos no ano pasado. O exercicio pechouse con algo máis de sete millóns de viaxeiros, cunha baixada do 1,52% con respecto a 2016.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade fixo hoxe balance dos resultados da rede de transporte urbano en 2017. O ano pasado, os autobuses sumaron 7.027.665 viaxeiros, 108.193 menos que en 2016. Jorge Duarte explicou que "este descenso responde fundamentalmente á folga no sector do transporte, que tivo lugar nos meses de xuño e xullo, convocada en toda Galicia contra o Plan de Transporte da Xunta, e na provincia da Coruña pola negociación do convenio colectivo". O edil lembrou que "ese paro alongouse por nove xornadas, todas elas laborables e, tendo en conta a media diaria de usuarios, supuxo a perda de 172.718 viaxeiros". Duarte apuntou que "de non terse producido eses paros, a rede de transporte urbano tería gañado máis de 96.000 usuarios o ano pasado".

Liñas máis utilizadas
A liña máis utilizada en 2017 foi novamente a 6, que comunica San Marcos e Os Tilos, que sumou 1.152.389 viaxeiros. Esa cifra equivale ao 16,4% do total de usuarios do transporte urbano. Séguelle a liña C11 (Circular de Fontiñas), con 1,108.914 usuarios, o 15,78% do total. En terceiro lugar, a liña 1 (Cemiterio de Boisaca-Hospital Clínico) contabilizou 1.082,442 viaxeiros, un 15,40% do total. Pola contra, as liñas menos utilizadas foron a P4 da Sionlla, con 10.192 usuarios (0,15% do total); a P7 da Grixoa, con 24.292 viaxeiros (0,35%); e a P6 do Polígono do Tambre, con 28.262 usuarios (0,40%).

En relación a 2016, a liña que máis medrou foi a C11, con 42.123 usuarios máis o ano pasado. A que máis viaxeiros perdeu, 44.410, foi a liña 6.

Tipo de tarifas
En canto ao tipo de tarifas para acceder ao autobús, os máis utilizados foron o bono ordinario, por 2.304.630 persoas; e o bono pensionista, con 2.297.885 viaxes. Ademais vendéronse 1.249.108 billetes ordinarios.

O ano pasado só medrou lixeiramente a utilización dos bonos ordinarios, con 16.785 tramitados máis que en 2016. O que máis baixou foi o bono universitario, cun 35,26% menos que en 2016.

Compartir: