CONVIVENCIA

A Policía Local realizou máis de 1.700 controis do uso do cinto e dos SRI, con só un 0,06% de infraccións

22/03/2018 A Policía Local realizou durante a semana pasada controis do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil (SRI), no marco dunha nova campaña de vixilancia da Dirección Xeral de Tráfico (DXT). En total, inspeccionáronse 1.735 vehículos, cunha porcentaxe de infraccións de só o 0,06%, o que constata que unha utilización maioritaria correcta do cinto en todos os pasaxeiros do vehículo.

O uso do cinto de seguridade é un elemento básico e fundamental da seguridade viaria e reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. O airbag non é eficaz se non se complementa coa utilización do cinto de seguridade.

Non utilizar o cinto nos asentos traseiros tamén supón un gran risco. Nun impacto frontal, a probabilidade de que un ocupante dos asentos de atrás golpee mortalmente a outro pasaxeiro dos asentos de dinte pode ser ata oito veces maior. Protexe tanto de saír despedido do habitáculo, como de impactar contra o parabrisas.

A 80 quilómetros por hora, un choque frontal sen levar posto o cinto de seguridade, soe levar fatalmente aparellado resultado de morte ou lesións graves. O cinto alcanza unha máxima efectividade nos envorcos, onde se reduce un 77% o risco de morte.

Non levar posto o cinto de seguridade é, xunto coa velocidade e a condución baixo os efectos do alcohol, un dos principais factores de risco na estrada.

SRI
Nunca se pode levar a un neno en brazos, nin utilizar o seu mesmo cito de seguridade para protexelo. Os/as adultos/as deben asegurarse de que a cadeira está ben instalada e de adaptar o repousacabezas e os arneses da cadeira a medida que o neno vaia medrando.

Os SRI son obrigatorios para nenos cunha altura inferior a 1,35 metros (arredor de 12 anos), e recomendables ata os 1,50 m, sempre homologados á súa talla e peso. En todos os casos, a banda diagonal do cinto debe pasar pola clavícula sobre o ombro e ben pegada ao peito, mentres que a banda ventral ten que quedar o máis baixa posible sobre a cadeira.

Se a banda do ombro toca o pescozo ou pasa baixo a queixada, o neno debe seguir utilizando un asento elevador. Nunca se debe ir coa banda debaixo do brazo ou detrás das costas.

A cadeira sempre ten que estar homologada, e hai que buscar a etiqueta coa E que indica para que vehículos é válida e o peso dos nenos que poden utilizala. Ao adquirir a cadeira, débese comprobar que se adapte perfectamente ao asento do automóbil e aos cintos de seguridade.

Compartir: