CONSORCIO

Abre ao público o Paseo dos Leóns

29/12/2006 A partir de hoxe venres incorpórase ao uso público da Alameda o Paseo dos Leóns, co que será posible acceder ao Cruceiro do Gaio. Este tramo quedou definitivamente aberto nun acto ao que asistiu o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo. Tamén se abre practicamente na súa totalidade o paseo superior da Ferradura, dende o seu inicio na Caseta de Parques ata a escaleira de acceso á igrexa de Santa Susana. Con esta apertura posibilítase o tránsito peonil urbano entre o Casco Histórico e a zona residencial de Cruceiro de Gaio, e un circuíto no parque para paseantes.

As obras executadas comprenderon o pavimento de áridos indicado para parques. Este pavimento é o máis apropiado para as actividades de ocio na Alameda e para responder ás necesidades das propias especies arbóreas. De feito, a resistencia e idoneidade do firme determinouse tras varios ensaios en laboratorio.

Outras obras son as referidas á rede eléctrica e ao saneamento, coa instalación completa de recollida de augas pluviais mediante a disposición de canais de superficie para xestionar as augas de choiva. É de destacar que toda a rede subterránea de saneamento se atopaba colapsada polas areas, polo que agora, ademais da renovación integral das instalacións subterráneas, dispuxéronse areeiros en tódolos sumidoiros para evitar obstrucións. Nesta fase tamén se restauraron as estatuas de Méndez Núñez, as das Marías e Valle-Inclán, asi como as fontes do Paseo Central da Alameda e de San Clemente.

Ao mesmo tempo continúan as obras no resto do recinto dentro do plan establecido polo Consorcio para a renovación do histórico parque da Alameda. A empresa adxudicataria comprometeuse a rematar as obras antes do próximo 28 de febreiro, o que permitirá a súa apertura a tódolos cidadáns durante a próxima primavera.

Compartir: