ALCALDÍA

Axudas europeas para o desenvolvemento do rural compostelán

29/12/2006 A Asociación de Desenvolvemento Rural Sar-Ulla celebrou este o acto de sinatura dos contratos de axuda cos promotores das derradeiras iniciativas de desenvolvemento rural aprobadas no marco do Programa de Desenvolvemento Rural PRODER II Sar-Ulla, que se desenvolveu durante o período 2003-2006.

Os alcaldes dos Concellos de Ames, Brión, Santiago e Teo asinaron os proxectos produtivos e non produtivos a desenvolver nestes concellos. O asinamento destes contratos de axuda suporá a concesión dunha subvención total de 2.917.639,31 € repartida en 24 novos proxectos que terán un investimento total de 6.544.665,69 €. Coa aprobación de estes proxectos superarase o orzamento previsto do programa, 8.084.520,30 €, incrementándose ata 14.578.114,06 € que supón un nivel de compromiso do programa de máis do 85 % previsto e máis do 27 % da axuda total prevista.

No Concello de Santiago as axudas correspondentes a proxectos produtivos estarán destinadas á rehabilitación e acondicionamento como local de hostalería do Hotel Rústico O Desvío de Roxos; a produción de fibras cerámicas de alumina de altas prestacións da empresa Neoker no polígono do Tambre; o proxecto de nova creación para a ludoteca Gazafello na parroquia de vista Alegre e a nova sede para os laboratorios Cientisol tamén en Vista Alegre.

Dentro dos proxectos non produtivos destacan a Aula de coñecemento do Medio rural que se vai habilitar na antiga escola rural de Portela, na parroquia de Villestro, e o acondicionamento dun local e a adquisición de equipamentos para convertelo nun Centro de interpretación do futuro do rural especializado na agricultura ecolóxica e que ao mesmo tempo pretende ser un foco de xeración de empresas de inserción e autoemprego para colectivos con risco de exclusión social.

Compartir: