CONSUMO

A OMIC fai un chamamento ao consumo responsable no Nadal

29/12/2006 A concelleira de Sanidade e Consumo, Elvira Cienfuegos, presentou un novo folleto sobre o consumo responsable no Nadal, editado pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC).

"Consumo responsable quere dicir consumo reflexivo, crítico, consciente dos seus dereitos e consciente de repercusións na saúde, no medio ambiente e na sociedade", apuntou a concelleira. A publicación inclúe todo tipo de información sobre materias tan diversas coma os xoguetes, a alimentación, os animais, os produtos electrónicos, os artigos pirotécnicos, a lotería, o cotillón ou as rebaixas.

Elvira Cienfuegos aproveitou tamén para pedir que os consumidores anoven as súas responsabilidades como tales no novo ano. Neste sentido, indicou que a OMIC fará campañas de difusión neste ámbito, con iniciativas como a edición de marca-páxinas calendarios con datas relevantes e o teléfono da Oficina, para que a xente poida acudir a informarse ou reclamar.

No ano 2006, o número de consultas na OMIC aumentou respecto ao ano precedente: 1.627 consultas ata o 22 de decembro, mentres que en 2005 fixéranse 1.570 ata o 31 de decembro.

Compartir: