ALCALDÍA

O alcalde cualifica o 2006 coma un ano "espléndido" para Santiago

29/12/2006 A poucos días de rematar o ano, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, quixo facer balance de 2006. Dixo estar "francamente satisfeito" pola marcha dun ano que considerou "espléndido" para a cidade.

Entre os feitos máis salientables de 2006 recordou a aprobación do PXOM, á espera de que a Xunta lle dea o visto bo definitivo. Tamén salientou o compromiso do Goberno autonómico coa Cidade da Cultura. Neste sentido, valorou a posición do presidente da Xunta e da conselleira de Cultura, e cualificou como unha decisión "coherente e responsable" a continuación do proxecto. "A medio prazo ninguén cuestionará esta decisión", apuntou Sánchez Bugallo.

Outro aspecto destacado polo alcalde foi a entrega de chaves do primeiro polígono de vivenda protexida promovido polo Concello, coas primeiras 300 vivendas. Tamén nesta materia referiuse á declaración como Area de Rehabilitación Integral de Vista Alegre, "a primeira fora do casco histórico que se designa en Galicia".

No positivo, Sánchez Bugallo quédase ademais coa aprobación dos Orzamentos "os maiores e mellores da historia do Concello", dos que destacou a súa aposta polo social, polo emprego, polos barrios, pola cultura, pola solidariedade e, en definitiva, polo futuro". Puxo como exemplo disto que as novas contas contemplan a creación de dous novos polígonos empresariais e de cinco novos polígonos de vivenda protexida.

O alcalde tamén tivo unha lembranza, no negativo, para a vaga de incendios acontecida no verán, que deixou un resultado final de 1.400 hectáreas calcinadas. Lamentou o impacto que tivo en parroquias tan afectadas como Figueiras ou Villestro, pero felicitouse da reacción dos cidadáns e do labor dos traballadores municipais ante este suceso.

Compartir: