DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O Concello celebra o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, con máis dunha ducia de actividades

28/02/2018 A concelleira de Igualdade, Marta Lois, acompañada dos concelleiros de Medio Rural e de Mocidade, Rafael Peña e Noa Morales, presentaron esta mañá as actividades que organiza o Concello con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.

Tal e como indicou a concelleira de Igualdade, "trátase dunha programación transversal" na que participan Igualdade, Medio Rural, Acción Cultural e Mocidade. En total, o Concello organiza e participa de máis dunha ducia de actividades. A programación dará comezo mañá xoves, ás 21:30 horas, co concerto Rock & Elas, cos grupos galegos Bala e Agoraphobia. "As entradas son de balde e poden descargarse en www.salacapitol.com", lembrou Noa Morales. De momento xa van 600 descargadas.

Obradoiros
Entre as actividades a desenvolver destaca o programa de obradoiros abertos nas parroquias de Compostela, organizado pola Concellaría de Medio Rural. "O éxito da primeira edición, celebrada o ano pasado -resaltou Rafael Peña- fíxonos repetir a experiencia cun programa máis ambicioso". Esta actividade busca traballar o empoderamento e a participación das mulleres, facer visible o seu traballo e facilitar canles de apoio e orientación que reforcen a autoestima.

Realizaranse nos centros socioculturais de Santa Cristina, Busto e Aríns entre o 21, 23 e 24 de marzo e o 18, 20 e 21 de abril, respectivamente, así como nos de Laraño, Lavacolla e Grixoa entre o 25, 27 e 28 de abril e o 16, 18 e 19 de maio. As actividades serán en horario de tarde. Realizaranse catro sesións por centro. Mais información nos propios centros socioculturais ou na dirección de correo tm@santiagodecompostela.gal

Tamén haberá tres obradoiros de danza impulsados por Acción Cultural e Composcleta coa coreógrafa Begoña Cuquejo, que traballará cun grupo de mulleres interesadas en achegarse ao corpo e ao pensamento crítico sobre as normativas do corpo feminino e de xénero. Parte da coreografía de Vogue da artista Madonna, para levala ao movemento propio, ás voces e ao traballo de cada unha das participantes. O resultado é o espectáculo Mdnna, faite vella con nós!, un traballo escénico duns 20 minutos que será presentado ao público o 11 de marzo, ás 19:00 horas, na praza do 8 de Marzo.

Os obradoiros para preparar a peza levaranse a cabo na Casa do Matadoiro o luns 5, o martes 6 e o domingo 11 (o propio día da estrea) en horario de tarde. Inscrición previa no enderezo begonhacuquejo@gmail.com.

Exposicións fotográficas
A partir do 5 de marzo, a cidade acollerá 15 fotografías de Gabriel Tizón nunha exposición que leva por nome Espellos de pedra e que se poderá visitar, de forma gratuíta, ata finais do mes de abril. Un formato e unha localización que buscan chegar a milleiros de persoas -tanto veciños e veciñas de Compostela como visitantes- e amosar estas mulleres ocultas, anónimas, que son parte fundamental da nosa sociedade.

Do 7 ao 15 de marzo, Composcleta organiza a exposición En bici, ti mesma, que ten como obxectivo facer visible o uso da bicicleta como medio de transporte habitual entre as mulleres compostelás. As fotografías, realizadas polo alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, amosan as mulleres como ciclousuarias cotiás, coa súa vestimenta de cotío e posando xunto á súa bicicleta. As fotografías exporanse nos escaparates de distintos establecementos do barrio de Altamira.

Debates feministas
A Casa Xohana Torres será tamén un dos eixes vertebradores das actividades, cun ciclo de debates durante os meses de marzo e abril nos que participarán mulleres imprescindibles que, dende diferentes perspectivas e ámbitos, abordarán cuestións fundamentais relacionadas coas desigualdades de xénero, reivindicacións e mobilizacións feministas do pasado e do presente e achegas literarias claves para o feminismo e a cultura galega. O ciclo comeza este venres, ás 19:30 horas, coa intervención da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e de Marta Pérez, Irene Moreira, Luz Darriba e Mercedes Peón.

Outras actividades
O vindeiro mércores, a partir das 12:30 horas, o Concello acolle a entrega do II Premio Xohana Torres, nun acto no que se proxectará a creación audiovisual gañadora. Tamén se abrirá a convocatoria da terceira edición destes premios, recuperados no ano 2016.

Durante os meses de abril e maio, Compostela seguirá acollendo diversas actividades de conmemoración do 8 de marzo. Entre elas destaca a intervención urbana na praza de Mazarelos, coa instalación dunha estrutura temporal coa imaxe de Concepción Arenal ou a actividade Os camiños do lecer, coa que se visitarán algúns dos lugares máis emblemáticos da cidade. O paseo sairá da escultura das irmás Fandiño Ricart o día 11 de marzo ás 10:00 horas.

O 3 de marzo terá lugar un evento de arte multidisciplinar de novas creadoras galegas con música, poesía, exposición de artistas e sesión vermú, organizado polo alumnado do ciclo superior do Raio Verde. Ademais, dende Acción Cultural haberá actividades de teatro, con Emilia, Mujeres que se atreven e de música e danza cos concertos de Suite española. Rosa Torres Pardo e Rocío Márquez, Sés ou Adriana Calcanhotto.
Destaca o 21 de marzo a inauguración de "De como non casar. How not to get married" a partir das 19.30h na Zona "C".

Compartir: