CONVIVENCIA

Activado o dispositivo especial de seguridade ante a previsión de baixas temperaturas para esta noite

27/02/2018 Esta noite quedará activado novamente o dispositivo especial de seguridade ante a previsión de baixas temperaturas, que contempla o reforzo dos servizos de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil. O Concello ten almacenados 7.000 quilos de sal para esparexer nos puntos máis conflitivos da rede viaria.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que esta noite estarán seis patrullas da Policía Local de servizo, o dobre do habitual, e reforzarase tamén o persoal da sala de pantallas, "que é o primeiro en dar conta das posibles incidencias". Protección Civil terá tamén seis persoas voluntarias de servizo durante toda a noite, e reforzarase tamén o servizo de Bombeiros. Xan Duro lembrou tamén que as empresas concesionarias terán equipos localizables durante toda a noite, para atender eventuais problemas nos servizos de limpeza, parques e xardíns ou mantemento da rede viaria.

7.000 quilos de sal
O Concello ten almacenados 7.000 quilos de sal que, de ser necesario, se encargará de esparexer Urbaser en coordinación coa Policía Local. O protocolo de intervención ante a presenza de xeo ou neve define tres niveis de alerta en función das rúas nas que se puideran detectar problemas. O primeiro deles inclúe a Costa de San Marcos, o viario Camilo Jośe Cela, a estrada de Chaián ata o Polígono do Tambre, os accesos ao Hospital Clínico, a avenida de Xoán XXIII dende Lino Villafínez ata a praza da Paz, a Costa de Santa Isabel e os accesos á CRTVG.

O nivel de alerta 2 incorpora á lista anterior a zona de Amio e os accesos ao Polígono de Costa Vella, a Vía Edison, Salgueiriños e Meixonfrío, a avenida de Rodríguez de Viguri, Mestre Mateo, a costa de San Francisco, a estrada de San Marcos dende San Lázaro ata Lavacolla, o acceso de Torrente Ballester ata a rúa Roma e os accesos á Cidade da Cultura.

Por último, no nivel de alerta 3 inclúense máis dunha trintena de puntos da rede viaria, tanto do centro urbano (Rosalía de Castro, Xoán Carlos I, Senra ou as principais rúas de Fontiñas) como da periferia (tramos da SC-20, N-550 e C-543) ou distintas parroquias do municipio. A maiores, o operativo contempla varias zonas peonís nas que se espallaría sal no caso de que se detectaran placas de xeo, como as beirarrúas de Hortas e Costa do Cristo, Acibechería e Inmaculada, Castrón Douro, García Sabello ou a escalinata de San Lázaro ao Monte do Gozo.

Compartir: