FACENDA

Case 400 concellos do Estado presionan ao Ministerio de Facenda para poder investir os remanentes de 2017

27/02/2018 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, acudiu esta mañá a unha xuntanza en Madrid con alcaldes, alcaldesas e edís de Economía de cidades do Estado con máis de 50.000 habitantes.

Na reunión abordouse a necesidade de que o Ministerio de Facenda permita o reinvestimento do superávit de 2017. Tamén se afrontaron outros asuntos de importancia para a autonomía das administracións locais, como a urxencia de eliminar a regra de gasto e a taxa de reposición e comezar as negociacións para a reforma do financiamento local. María Rozas asegurou ver "avances, froito da unión de todos os concellos e as deputacións contra a Lei Montoro" pero cualificounos de "insuficientes", xa que "o que pedimos é que nos devolvan a autonomía e que cada Concello decida, segundo capacidade e recursos, a que destinar eses cartos".

A partir de marzo
O ministro de Economía comprometeuse cos concellos a aprobar a finais do mes de marzo un Real Decreto que permita reinvestir os remanentes de cada concello sen necesidade de esperar aos orzamentos xerais do Estado. Isto permitirá executar os investimentos financeiramente sustentables, "aínda que é preciso seguir presionando porque os prazos destes investimentos son moi xustos e cada mes que pasa dificulta a súa execución a tempo", indicou a concelleira.

Ademais, segundo explicou María Rozas, "houbo tamén un compromiso para flexibilizar os criterios nos investimentos que se poden realizar cos remanentes e que a día de hoxe impiden realizar obras novas e cubrir os investimentos máis importantes. O que acontece é que non nos deixan como concellos decidir en que destinar os nosos propios recursos e estamos permanentemente tutelados polo Goberno central".

Compartir: