DEPORTES

Os Black Ravens xogarán este domingo nas Cancelas o seu primeiro partido como locais na Liga de Fútbol Americano

31/01/2018 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou o partido de fútbol americano que disputarán este domingo día 4 de febreiro os Black Ravens de Santiago contra os Gijón Mariners no campo das Cancelas. Xunto á concelleira estiveron Fernando Vigo, presidente do club Black Ravens, e David Gómez, xogador de ataque do equipo. O partido comezará ás 12:00 horas e será o primeiro dos santiagueses como locais na máxima división da Liga de Fútbol Americano.

Noa Morales destacou o traballo que realizan os Black Ravens, "equipo que sitúa a Santiago na elite estatal dentro do fútbol americano". Este motivo fai que "esta disciplina estea a ter máis afeccionados e máis xente con gañas de practicala dentro no noso país". Neste sentido, dixo, "tamén queremos convidar tanto as persoas que coñecen este deporte, pero aínda máis a quen non o coñece, a asistir ao partido do vindeiro domingo".

O presidente do club Black Ravens, Fernando Vigo, quixo "agradecer o apoio prestado polo Concello durante estes cinco anos que levamos traballando". Indicou que todos os compoñentes do equipo "están emocionados por todo o labor feito e por chegar a representar a Santiago de Compostela na Primeira División española de fútbol americano e como primeiro equipo galego que acada esta honra". Sobre os contrincantes aos que se enfrontarán o domingo que vén, os Gijón Mariners, apuntou que están nun nivel semellante aos composteláns, polo que "dentro da nosa visión deportiva, é un rival que debemos superar para poder ter unha boa posición na Liga". A este respecto, os xixoneses son un rival máis asequible que os Black Demons, candidatos claros a xogar a final e cos que os Black Ravens perderon en Madrid na primeira xornada.

Pola súa parte, o xogador David Gómez apuntou coma un reto este partido e fixo un chamamento á cidadanía para achegarse o domingo ao campo das Cancelas.

O Black Ravens conta, ademais de co equipo principal, cun equipo de flag fútbol feminino, que xoga na Liga galega, e están pensando en montar un equipo júnior co que crear canteira. Ademais, en breve comezará a liga mixta galega de flag fútbol, no que mozas e mozos competirán xuntos nesta modalidade.

Compartir: