ALCALDÍA E EDUCACIÓN

O alumnado do CEIP de Vite protagoniza un pleno no Día Escolar pola Paz

30/01/2018 O Salón de Plenos do Concello acolleu esta mañá unha sesión moi especial protagonizada por case 30 nenos e nenas do CEIP de Vite, que debateron sobre a paz e a non violencia xunto a integrantes da Corporación municipal.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, foi o encargado de dirixir a sesión e repartir as quendas de palabra entre os seis grupos do centro, que propuxeron preguntas sobre a construción da paz, a súa definición ou o papel que teñen os nenos e nenas na configuración desa paz.

Dous dos alumnos do colexio, Idalina e Alén, quixeron trasladar aos seus compañeiros e compañeiras a historia de Wangari Maathai, activista política e ecoloxista keniana e primeira muller africana en recibir o Premio Nobel da Paz en 2004 pola súa contribución ao desenvolvemento sustentable e a "cambiar as cousas a pesar das dificultades que se atopou".

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, sinalou que "o que hai que facer para construír a paz é estar en paz cun mesmo e construíla de dentro cara a fóra". Martiño Noriega aseguro que "discrepar e discutir está ben, sen que iso signifique chegar a conflito", e puxo o foco na importancia da "empatía, en saber colocarse na posición do outro para garantir a paz".

Agustín Hernández, o voceiro do Partido Popular, asegurou que "que o mundo camiñe cara a paz ten moito que ver con que as xeracións futuras teñan un bo nivel de formación, para discernir o que está ben do que está mal". Pola súa banda, o voceiro do PSOE, Paco Reyes, incidiu en que "a paz se empeza a construír respectando os dereitos dos nenos e nenas, erradicando a violencia sobre eles, e dándolle igualdade de oportunidades". Finalmente o voceiro do BNG, Rubén Cela, desgranou o concepto de paz, afirmando que "a paz non só é que non haxa guerras, senón tamén construír un mundo máis xusto con dereitos para todos e todas".

Compartir: