XUNTA DE GOBERNO

O Executivo local aproba o proxecto de mellora da accesibilidade en Fontiñas

29/12/2017 A Xunta de Goberno aprobou este venres o proxecto das obras de mellora da accesibilidade en Fontiñas, en concreto na rúa Dublín, unha actuación xurdida do proceso de Orzamentos Participativos 2017. Os traballos custarán preto de 75.000 euros, IVE incluído, e terán un prazo de execución de tres meses.

O concelleiro Xan Duro, encargado de dar conta dos acordos da Xunta de Goberno, explicou que o proxecto se vai desenvolver de xeito unitario, pero nel pódense diferenciar dous tramos. No primeiro, próximo á rúa de Londres, o principal obxectivo é mellorar a accesibilidade ao tempo que se reduce a velocidade dos vehículos. Para iso, vaise reducir o ancho actual dos carrís de circulación, elevaranse os pasos de peóns, e mellorarase o pavimento e as beirarrúas que se atopen en mal estado. Ademais, reducirase a velocidade máxima permitida a 30 quilómetros/horas.

O segundo tramo é o próximo á rúa de Costa do Vieiro. Neste caso váiselle dar á calzada un trazado máis sinuoso para tratar de calmar o tráfico ao seu paso por diante do pavillón deportivo. Tamén se elevará o paso de peóns, melloraranse os pavimentos e reducirase a velocidade máxima permitida a 30 quilómetros/hora.

Outros acordos
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou a proposta do concelleiro delegado de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade relativa ao pago de expropiacións para a construción da rotonda que debe conectar a N-550 cos ámbitos industriais SUNP 37.3, SUNP 38 e Finsa. A contía a abonarlle aos propietarios supera o medio millón de euros.

Noutra orde de cousas, hoxe aprobouse o pagamento anticipado das subvencións para a cooperación ao desenvolvemento, convocadas pola Concellaría de Políticas Sociais. Esas axudas, que roldan os 15.000 euros en todos os casos, serán para a Asemblea de Cooperación pola Paz, Solidariedade Internacional de Galicia, Vicente Ferrer, Arquitectura Sen Fronteiras e Fundación Faber.

Compartir: