ALCALDÍA
Admitida a trámite a demanda contra Carmen Franco para esixir a devolución das esculturas do Mestre Mateo
28/12/2017 O Xulgado de Primeira Instancia nº 41 de Madrid vén de admitir a trámite a demanda civil presentada polo Concello de Santiago contra Carmen Franco, para esixir a devolución das figuras de Abraham e Isaac, obras do Mestre Mateo que están en posesión da herdeira do ditador. No escrito, o xuíz empraza á demandada a contestar no prazo de vinte días hábiles. Contra a resolución cabe recurso de reposición no prazo de cinco días, pero a súa interposición non terá efectos suspensivos.
A demanda presentada no pasado mes de novembro incorporaba toda a documentación que demostra que o Concello é o lexítimo propietario das dúas pezas, adquiridas ao Conde de Ximonde en 1948. Ademais, nela argumentábase que as pezas forman parte do patrimonio público e polo tanto non poden ser cedidas nin agasalladas, nin hai lugar para a prescrición que podería alegar a familia Franco para quedar coas figuras de Abraham e Isaac.