MERCADOS

O mercado de Salgueiriños acolle unha nova edición do programa de dinamización "Efecto Proximidade"

28/12/2017 A concelleira de Mercados, Noa Morales, visitou este xoves as actividades do programa Efecto Proximidade que se levaron a cabo durante durante a mañá no mercado de Salgueiriños. Trátase dunha acción posta en marcha en 2015 no marco do proxecto Compostela Móvese.

Noa Morales definiu este programa como unha "proposta de dinamización que pretende conxugar elementos lúdicos, artísticos, formativos e gastronómicos que dan continuidade ás dinámicas de desenvolvemento do mercado. Ademais, insistiu, "búscase poñer en coñecemento como espazo diferenciado entre o público xeral que non adoita achegarse de forma habitual ao mercado".

Na súa visita, a concelleira degustou caldos e cremas quentes coas persoas que se achegaron a participar nas actividades. Tamén houbo un pasarrúas a partir a cargo da banda compostelá Habelas Hainas, e un espazo infantil de xogos tradicionais na carpa activa grazas á cooperativa Miudiño.

Concerto
Ao mediodía celebrouse un concerto a cargo de Ariel Ninas e César Prata, que nos trouxeron "Cantos de cego de Galiza e Portugal". Ariel Ninas é improvisador, pasaxista de sons, ás veces folclórico e periférico. Embarcado en diferentes proxectos coma a O.M.E.GA, o trío Annamoviek+Ariel Ninas ou o dúo 25_keelt. Traballa a miúdo con aCentral Folque, organizadora de Efecto Proximidade.

Xunto con César Prata presentan unha proposta arredor dunha personaxe singular na cultura musical universal, a persoa invidente que canta e fai música cun repertorio recollido a ambas beiras do Miño. Un conxunto de cancións de temática común como crimes, romances, parrafeos de noivos, desgarrada, feitos históricos, cancións de orixe sefardí, historias que durante séculos acompañaron a paisaxe de ambos países. César e Ariel recrean estas cancións cunha variada instrumentación composta por zanfona e guitarra, viola braguesa, concertina, harmónica, adufes e percusións. O programa está composto por melodías galegas e portuguesas a partes iguais recollidas en cancioneiros ou rexistradas a través de informantes.

Sons do mercado
Sons do mercado foi unha das primeiras accións deste programa, unha curtametraxe documental artellada a partires de distintos testemuños de vendedores ambulantes que nos amosan as distintas historias que hai detrás dos postos de venda do mercado de Salgueiriños. Un documental de Marcos Nine con música orixinal de Alejandro Vargas.

Compartir: