CONVIVENCIA

O Concello reclama a creación dunha comisión de seguimento sobre a Canteira de Miramontes

30/11/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, compareceu hoxe en rolda de prensa para reclamar a creación dunha comisión de seguimento sobre a canteira de Miramontes, da que formen parte a Xunta, o Concello, a veciñanza e a empresa explotadora das instalacións. A maiores, o edil adiantou que o alcalde ten solicitada unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, para abordar a problemática ambiental do complexo "ante a falta de respostas por parte da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ás comunicacións formuladas desde o pasado mes de setembro".

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que o Concello remitiulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental os dous informes encargados polo Goberno sobre a situación de Miramontes. Xan Duro relatou que non houbo respostas e denunciou "que o departamento autonómico tampouco respondeu ás solicitudes de información formuladas polos autores do informe externo encargado polo executivo municipal, tal e como eles fan constar no documento".

O edil explicou que ese informe externo recomenda a creación dunha comisión de seguimento "que a veciñanza da parroquia de Grixoa considera tamén moi necesaria".

Afeccións ambientais
Os dous informes encargados polo Goberno, un asinado por técnicos municipais e o outro por tres enxeñeiros externos, coincide nas afeccións ambientais da canteira de Miramontes.

O informe externo, máis completo e actualizado, fala de importantes deficiencias como "os malos cheiros provenientes do depósito da canteira, pero tamén do tráfico de camións, a superpoboación de gaivotas, a ausencia dun peche perimetral nas isntalacións e o arrastre de lixiviados cara o exterior"

Xan Duro explicou que o propio informe propón algunhas medidas a adoptar para paliar as deficiencias. En canto aos olores, "o primeiro debe ser realizar un estudo olfatométrico rigoroso, que permita definir as actuacións necesarias para eliminar as molestias á veciñanza". Tamén se aposta pola implantación dunha barreira vexetal nas instalacións, a desgasificación activa do vertedoiro e o control da poboación de gaivotas. O informe dos expertos sinala que tamén é preciso que "o almacenamento dos residuos se realice nunha zona impermeable e cuberta, e non a ceo aberto como na actualidade".

Compartir: