DEPORTES

Todo listo para a Ruta Ponte Mantible-Vite, a cuarta proba do VI Circuíto CorreSan

30/11/2017 O Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan celebra este sábado 2 de decembro a súa cuarta proba, a Ponte Mantible-Vite, cun percorrido pola zona de Vite e Salgueiriños. Xa hai máis de 600 atletas inscritos/as nas categorías de adultos e escolares.

A última proba da cuarta edición do CorreSan arrancará ás 17:20 horas para os adultos/as, que deberán percorrer 5,9 quilómetros. A categorías Escolares 1 e Escolares 2 saíran ás 16:45 e 17:00 horas, percorrendo 1 e 2 quilómetros, respectivamente.

A inscrición aínda está aberta ata as 23:59 horas deste xoves, a través das webs do CorreSan ou de Carreiras Galegas, ou presencialmente no andar de deportes de El Corte Inglés.

Circuíto CorreSan
O VI Circuíto de Carreiras Saudables, CorreSan 2017, é un conxunto de probas para concienciar á cidadanía dos beneficios de facer deporte para a mellora da súa saúde e da súa calidade de vida. Este conxunto de probas tamén traslada o deporte ata os barrios e zonas onde xa se practican diferentes actividades deportivas, en especial o atletismo.

O circuíto está aberto á participación de calquera deportista, habitual ou eventual, que desexe acceder á práctica libre do exercicio físico en diferentes contornas da cidade. Nas probas teñen cabida atletas de case todas as idades, con distancias adaptadas a cada categoría.

Compartir: