EMIGRACIÓN

O Presidente de Uruguai recibe ao Alcalde de Santiago

28/04/2005 A súa chegada á capital uruguaia o Alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, desenvolveu unha intensa axenda de actividades que comezou coa visita, xunto coa concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, á Universidade de Montevideo, e de seido ao Intendente (Alcalde) de Montevideo, rematando cunha entrevista de carácter privado co Presidente da República Oriental do Uruguai na Casa do Gobierno, no Edificio Libertad.

O Alcalde de Santiago, acompañado pola Concelleira de Emigración e Inmigración do Concello, Teresa Regúlez, visitaron onte, mércores 27,a Universidade de Montevideo, onde foron recibidos polo seu Xerente Xeral e outros membros da directiva. Os anfitrións transmitiron ao alcalde o saúdo do Rector da Universidade, Mariano Brito, que non puido recibilo por atoparse de viaxe no estranxeiro. A Universidade de Montevideo, de carácter privado, foi fundada no ano 1997 e conta con máis dun milleiro de alumnos. Durante a reunión, o alcalde e a directiva da Universidade intercambiaron ideas respecto ao ámbito universitario de Galicia e Uruguai, e non descartaron a posibilidade de realizar proxectos en común no futuro.

Reunión co Intendente de Montevideo

Máis tarde, os alcaldes que conforman a Mancomunidade de Santiago foron recibidos no Palacio Municipal da capital uruguaia polo Intendente Municipal de Montevideo, Adolfo Pérez Piera. Xunto a Xosé A. Sánchez Bugallo, estiveron tamén os Alcaldes de Ames, Boqueixón, Brión, Val do Dubra, Vedra e Teo. No encontro tamén participaron o Secretario Xeral da Intendencia, Pablo Buonomo, e a Directora de Relacións Internacionais e Cooperación, Marta Ponce de León.

O Intendente Pérez Piera está a culminar o período de goberno municipal do ex Intendente Mariano Arana, quen nas eleccións nacionais do 31 de outubro de 2004 foi electo Senador e posteriormente, o 1 de marzo deste año, asumiu como Ministro de Vivenda, Ordenamento Territorial e Medio Ambiente de Uruguai.

Durante a reunión, o Intendente formulou a posibilidade de revitalizar un Convenio de Hermanamento entre as cidades de Montevideo e Santiago de Compostela, suscrito en 1996.
Acordouse promover liñas de acción no marco de dito Convenio, que pasarían por beneficiar tanto á colectividade de veciños en Montevideo como a uruguaios que viven hoxe en Santiago. Quedou acordado que a instrumentación destas accións concretas canalizaríanse a través da concellería de Emigración e Inmigración do Concello.

No Concello de Santiago hai rexistrados uns 250 uruguaios afincados alí, mentres que en Uruguai residen entre 700 e 800 composteláns. A reunión, que transcorreu nun clima distendido, culminou cun intercambio de obsequios entre os anfitrións e os visitantes.

Visita ao Presidente de Uruguay
A finais da tarde de onte, o Alcalde de Santiago e a Concelleira de Emigración e Inmigración, foron recibidos polo Presidente da República Oriental do Uruguai, o socialista Tabaré Vázquez, na Casa de Goberno.
A reunión co Xefe de Estado uruguaio extendeuse durante case unha hora. Ao rematar, o alcalde compostelán declarou á prensa alí presente que o encontro foi "profundamente emotivo", pois o Presidente tivo unha lembranza para o seu avó, nacido precisamente en Santiago de Compostela e á súa avoa, emigrante galega oriunda de Oruense. O Presidente mencionou tamén unha visita realizada a Galicia, onde coñeceu tanto Santiago como Ourense, sitios de orixe dos seus avós que coma milleiros de galegos emprenderon un día o camiño da emigración que os levou a Arxentina e Uruguai.

Na reunión tamén se abordou o tema do Mercosur e a necesidade de que este bloque de países asuma un rol decisivo no desenvolvemento económico e social de América do Sur. O encontro foi propicio tamén para que a Concelleira Teresa Regúlez entregara ao Presidente Tabaré Vázque unha carta asinada por uruguaios residentes en Santiago.

Compartir: