MEDIO AMBIENTE E INFORMÁTICA

O Concello de Santiago, pioneiro na captación de fondos europeos destinados ao fomento da compra pública innovadora

29/11/2017 O Concello de Santiago vai ser o primeiro do Estado en asinar un convenio co Ministerio de Economía para a captación de fondos europeos FEDER destinados ao fomento da compra pública innovadora, no período 2014-2020. A firma deste acordo, que foi aprobada por unanimidade polo Pleno da Corporación municipal, permitirá desenvolver o proxecto Smartiago, no que o Goberno local leva traballando dende comezos do mandato.

O concelleiro de Medio Ambiente, Convivencia e Informática, Xan Duro, explicou que "o obxectivo último é contribuír ao cambio do modelo produtivo, promovendo a innovación no desenvolvemento de solucións para os servizos públicos municipais". Ao tempo, salientou o edil, "apostamos pola sustentabilidade ambiental e a conservación do patrimonio, nas tres liñas nas que imos desenvolver o proxecto Smartiago".

Captación de fondos
Xan Duro explicou que a través do convenio co Ministerio de Economía "o Concello de Santiago recibirá case cinco millóns de euros de fondos europeos para o fomento da innovación, na convocatoria 2014-2020". A esa cifra "hai que engadirlle outros 618.000 euros achegados a través doutro convenio que será asinado coa Axencia Galega de Innovación". Deste xeito, explicou o concelleiro, "a primeira fase do proxecto desenvolverase cun 90% de fondos externos, e cunha achega municipal do 10%".

Esta primeira fase, a de I+D+i, ten unha duración estimada de catro anos. Para a segunda fase, que sería a do desenvolvemento das solucións innovadoras no caso de que as investigacións resultaran exitosas, estímase un orzamento doutros 6,18 millóns de euros que sería achegado integramente polo Concello, "pero que está condicionada a que esas solucións innovadoras demostren beneficios económicos, sociais e ambientais para recuperar o investimento nun prazo razoable".

Liñas estratéxicas
O proxecto Smartiago contempla tres liñas estratéxicas: a da xestión sostible e intelixente dos residuos sólidos urbanos, a da mobilidade intelixente sostible e a do alumeado ornamental intelixente para a conservación do patrimonio.

Un dos servizos para o que se buscarán solucións innovadoras é o de xestión dos residuos sólidos urbanos e a limpeza viaria, "que supoñen un custo anual de preto de 12 millóns de euros, e no que Santiago segue sen acadar as porcentaxes de reciclaxe recomendado pola Unión Europea: só un 13% fronte á recomendación comunitaria do 50%". O proxecto Smartiago procurará "situar este servizo na vangarda da eficiencia, con tecnoloxías smart waste, participación cidadá e intelixencia artificial". O concelleiro de Medio Ambiente, Convivencia e Informática apuntou que o obxectivo é que "as solucións innovadoras definidas faciliten un novo modelo de tratamento de residuos que permita acadar os retos fixados pola Unión Europea en canto a reciclaxe; premien o comportamento adecuado da cidadanía nesta materia; e posibiliten un novo modelo de fiscalización da calidade do servizo, sobre todo no que ten que ver coa limpeza viaria".

A segunda liña de actuación do Smartiago é a da mobilidade intelixente sostible, "que afondaría no cumprimento das normas de acceso e estacionamento da cidade histórica, a introdución do novo vehículo eléctrico adecuado tamén para a améndoa, e no desenvolvemento da tecnoloxía que permita controlar o acceso e estacionamento e que substituiría ás cámaras ou bolardos tradicionais". Neste caso, o proxecto debera permitir "reducir de forma drástica os desprazamentos con vehículos contaminantes, previr os danos nos pavimentos por accesos indebidos de vehículos, ou garantir o cumprimento do tempo de estacionamento nas zonas ORA".

Por último, o proxecto Smartiago pretende apostar pola innovación no ámbito do alumeado público "para reducir o custo enerxético e poñer en valor os elementos patrimoniais de Compostela a través da iluminación ornamental". Tamén se esixirían solucións que "a través do propio alumeado, permitan limitar os gastos de conservación do patrimonio a través do control da colonización biolóxica, isto é, da proliferación de organismos como musgos".

Aforros e ingresos
As solucións innovadoras que achegará o proxecto Smartiago permitirán reducir os custos derivados dalgúns servizos, e incrementar os ingresos doutros. Así, o edil apuntou que, no que ten que ver coa liña da mobilidade intelixente e sostible, "debera aumentar a utilización do transporte público e dos aparcamentos municipais, cunha estimación dun aumento de ingresos de 450.000 euros anuais". Nas outras dúas liñas de acción estímanse aforros destacados "que poderían ser de ata un millón de euros anuais no relativo aos custos da limpeza viaria e a recollida e tratamento dos residuos; e de algo máis de 230.000 euros anuais no que ten que ver co custo do alumeado público ornamental e o seu mantemento". En todo caso, sinalou Xan Duro, "estes beneficios económicos empezarían a percibirse na segunda fase do proxecto, que está formulado como unha aposta a longo prazo".

Ademais, o concelleiro apuntou que "se as solucións innovadoras son finalmente aplicadas, o Concello de Santiago sería o primeiro cliente e tamén parceiro, de forma que cobraría "royalties" no caso de que esas novas tecnoloxías foran contratadas por outras administracións".

Compartir: