ACCIÓN CULTURAL

O filme "L'insulte" gaña a 31ª edición de Cineuropa

29/11/2017 Nunha axustada disputa con Lucky, de John Carroll Lynch, e Visages Villages, de Agnes Varda e JR, a película gañadora desta 31ª edición de Cineuropa foi finalmente L'insulte, valorada polo público do festival cun 8,56. O filme de Ziad Doueiri obtivo este ano o Premio ao Mellor Actor no Festival de Venecia 2017 pola formidable interpretación de Kamel el Basha, e o Premio do Público do American Film Institute.

L’insulte, unha ollada reflexiva ao conflito que leva anos enfrontando a palestinos e cristiáns libaneses, foi así descrito por José Luis Losa, director deste festival: "Ziad Doueiri explica con esmagadora eficacia o explosivo do melting pot estrutural da sociedade libanesa. Un conflito persoal é a espoleta para sacar á luz a tensión entre a poboación palestina e a libanesa de orixe, as pantasmas da memoria recente e arumbada cara ao esquecemento polas matanzas de Sabra e Chatila. É cinema político e, ao tempo, emanación dunha loita individual pola dignidade". A vitoria deste filme establece unha liña de continuidade entre os valores do público e a temática reivindicativa desta edición.

Compartir: