TURISMO

A Oficina de Información de Turismo de Santiago adapta un espazo para a acollida de turistas e peregrinos

31/10/2017 A Oficina de Información Turística de Turismo de Santiago estrea un novo espazo de acollida para turistas, peregrinos e visitantes que queiran deixar unha mensaxe recollendo as súas experiencias en Santiago e as emocións que lle transmite a cidade, nun proxecto que conta co financiamento da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia.

No novo espazo na oficina de información crease un entorno de recollida no que os usuarios poden tomarse unha foto, ou escoller unha foto de Santiago dunha base de datos, para acompañar a imaxe das súas emocións ao visitar a cidade. Estas emocións recóllense nunha páxina web, na que se irán sumando os sentimentos das persoas que visitan Santiago.

Dada a presenza do espazo no Oficina de Turismo, aproveitarase para facer difusión doutros espazos de recollemento e carácter espiritual e tranquilo, especialmente espazos de natureza que forman parte dos atractivos e dos lugares imprescindibles da cidade de Compostela: Bonaval, Alameda, etc., de xeito que permita ampliar os fluxos turísticos na cidade.

Santiago, polas súas propias características, é un destino que crea un vínculo emocional moi forte coas persoas que chegan a cidade, xa sexa como peregrinos facendo o Camiño de Santiago, xa sexa como turistas ou visitantes. Por este motivo, unha parte significativa das persoas que acoden á Oficina de información veñen con "ganas" de contar a súa experiencia, máis que de recibir información concreta sobre a cidade.

O obxectivo do proxecto de habilitación dun espazo para a acollida de peregrinos, visitantes e turistas na oficina central de información de Turismo de Santiago parte da idea de aproveitar a ubicación e función da oficina para dar unha "acollida" especial ás persoas que visitan a cidade, sexa cal sexa a súa motivación.

Na oficina de información de Turismo de Santiago aténdense anualmente máis de 200.000 consultas. A oficina de información central está situada na rúa do Vilar. Está aberta todos os días do ano, incluídos domingos e festivos, excepto 24 e 25 de decembro e 1 e 6 de xaneiro. De maio a outubro abre de 09:00 a 21:00 horas e de novembro a abril de 09:00 a 19:00 horas.

Compartir: