CONSORCIO

O Consorcio realiza visitas guiadas pola exposición que conmemora os seus 25 anos de traballo no patrimonio histórico e cultural da cidade

31/10/2017 Baixo o título Consorcio de Santiago, Cultura e Patrimonio. 25 anos do Consorcio na cidade, o organismo promove unha exposición que repasa a súa traxectoria. A mostra ten dúas sedes, a Casa do Cabido (na praza das Praterías), onde se reúne o labor cultural da entidade; e a Fundación Torrente Ballester, que concentra as súas actuacións no patrimonio histórico.

Co fin de que os cidadáns coñezan de preto o traballo do Consorcio ao longo destes anos, programaranse unha serie de visitas guiadas a ámbalas dúas mostras. Terán lugar todos os xoves de novembro (días 2, 9, 16, 23 e 30). O percorrido comezará na Casa do Cabido ás 12:00 horas e seguirá na Fundación Torrente ás 12:30 horas.

O encargado de servir de guía nas visitas da Casa do Cabido será Juan Conde, responsable de Exposicións e Publicacións do Consorcio de Santiago. E na Fundación Torrente será a arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio Idoia Camiruaga. Os interesados en facer o percorrido deberán acudir directamente a cada unha das sedes.

Na Casa do Cabido, historia e o labor cultural
Na Casa do Cabido faise balance das máis de 200 publicacións vencelladas á cidade editadas polo organismo ao longo destes anos. Así mesmo, dende 1993, organizáronse máis de 200 exposicións, que se resumen en fotografías, catálogos e folletos das máis representativas. Outra sala está centrada no labor de promoción e difusión da cidade que ten realizado o Consorcio, en particular a través do proxecto Compostela 93, e hai un espazo dedicado á Real Filharmonía de Galicia.

Ademais, a través de imaxes e documentos históricos, amósase a historia do organismo, incluída a creación do Real Padroado e as cinco reunións que ata o momento se celebraron do mesmo.

Na Fundación Torrente, actuacións no patrimonio histórico
Na Fundación Torrente Ballester pódese facer un percorrido polas actuacións que o Consorcio levou a cabo dende 1992 no relativo á conservación e posta en valor do patrimonio histórico de Santiago, a través da recuperación urbana e do espazo público, xunto á actualización de importantes infraestruturas e equipamentos da cidade.

Móstranse grandes fotografías, planos e paneis explicativos. Recóllense os programas de rehabilitación de vivendas e de locais comerciais, xunto á restauración de monumentos. Relacionado co espazo público, reúnense as actuacións realizadas nas rúas e zonas verdes da cidade histórica. O Camiño de Santiago tamén ten protagonismo, a través do Plan Director de Ordenación e Rehabilitación do Camiño Francés redactado polo Consorcio. E incídese na "Estratexia Verde", elaborada polo organismo, centrada na redución da pegada ecolóxica a partir das zonas verdes.

Horarios da exposición
A exposición permanecerá ata mediados de decembro. Na Fundación Torrente Ballester pode visitarse de martes a venres en horario de 10:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:30 horas; os sábados de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas; os domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas; e os luns pecha. E na Casa do Cabido pode percorrerse de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas e os domingos de 11:00 a 14:00 horas; os luns a Casa do Cabido tamén está pechada ao público.

Compartir: