POLÍTICAS SOCIAIS

Compostela celebrará o Día Mundial da Visión cun coloquio e un ciclo de obradoiros fotográficos

29/09/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, e a presidenta da Asociación Tiresias de Galicia, Lourdes Díaz, presentaron as actividades que se van desenvolver en Santiago co gallo do Día Mundial da Visión, que se celebra o 12 de outubro. As principais accións serán os talleres de fotografía Cores Marcianas, dirixidos fundamentalmente a persoas con dificultades visuais.

Concha Fernández anunciou que o acto central con motivo desta conmemoración en Santiago "se celebrará o martes 10 de outubro, cun coloquio sobre as actuais circunstancias que envolven a vida das persoas con dificultades visuais". Os detalles deste encontro serán presentados en breve noutra rolda de prensa.

Pola súa banda, a presidenta da Asociación Tiresias de Galicia, Lourdes Díaz, deu conta das características dos obradoiros Cores Marcianas, "que van dirixidos a sobre todo a persoas con dificultades na visión, pero nos que pode participar calquera persoa".

Os obradoiros serán conducidos polas fotógrafas Eva Sala e Pilo Gallizo. Os obxectivos destas accións son: vivenciar un proceso dende a arte, experimentar técnicas de creación e alfabetización visual, poñer en valor o traballo destas persoas mediante unha exposición do mesmo e, finalmente, orientar en educación en valores, enfoque de xénero, coidado e benestar emocional.

Estes talleres realizaranse os fins de semana deste mes de outubro. Comezan hoxe venres, de 17:00 a 20:00 horas. Mañá sábado serán de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Os días 6 e 7 e 20 e 21 de outubro, os horarios serán de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

O día 22 clausuraranse estes obradoiros coa exposición dos traballos realizados. A mostra abrirase na praza do Toural ás 11:00 horas.

Compartir: