ACCIÓN CULTURAL

Curtocircuíto reinvéntase co seu programa paralelo máis completo: "Arredor do son"

31/08/2017 Arredor do son é un conxunto de encontros interdisciplinarios que dialogan en torno ao concepto de son como forma de expresión e vía de coñecemento, organizado con apoio de Agadic Galicia ProFilme. O edificio Obra Social Abanca, situado na praza de Cervantes, aglutinará grande parte das actividades, consolidándose como unha nova sede do festival compostelán Curtocircuíto.

Fronte á tradicional hexemonía da imaxe no mundo do cinema, Curtocircuíto quere poñer en valor o son como linguaxe e vehículo de expresión, non só no ámbito cinematográfico. Estes encontros abordarán aspectos como a paisaxe sonora, a gravación de campo, a etnografía, a inmersión sensorial e a sinestesia, e constituirán a principal novidade da decimo cuarta edición de Curtocircuíto – Festival Internacional de Cine, organizándose en torno a diversas iniciativas, entre as que destacan, ademais da oferta formativa, instalacións artísticas e performances en espazos públicos.

David Toop
A presenza do músico e escritor británico David Toop será un dos pratos fortes de Arredor do son. Coñecido en España polo seu libro Ocean of sound e con máis de 20 discos no seu haber –o primeiro deles publicado no lendario selo de Brian Eno, Obscure–, e un dos máis destacados expoñentes da música ambient experimental, é coñecido, sobre todo, polo seu labor como crítico e historiador musical. Ademais de ser editor adxunto e columnista de revistas como The Wire e The Face, Toop é autor de varios libros considerados fundamentais, como Rap Attack, Haunted Weather e Sinister Resonance. Impartirá unha conferencia e un obradoiro de dous días de duración.

Obradoiros
Dentro da oferta formativa, outros obradoiros aportarán diferentes aproximacións ao feito sonoro, coma O rastro audible. Da fonografía ao deseño sonoro, impartido por Juan Carlos Blancas, que profundará nas estéticas, teorías e técnicas da creación fonográfica e da gravación de campo, dende a súa extensa experiencia no ámbito da produción e o deseño sonoro para medios audiovisuais.

Rebobina! Experimentos sonoros con cinta de casete, impartido por Mateo Mena, cun enfoque faino-ti-mesmo (DIY) práctico e accesible, aproximarase á bricolaxe e reciclaxe sonoras, reflexionando sobre a relación dos asistentes (está dirixido a público infantil) coa tecnoloxía e a súa obsolescencia, como cos procesos de creación contemporánea e a música experimental.

Por último, o coreógrafo Javier Martíncreará en Corpo e vibración un espazo aberto á experimentación no Salón Teatro, explorando as relacións entre corpo e espazo, partindo dunha dinámica de traballo moi persoal na que a filosofía, a improvisación, a danza e a performatividade forman parte dun único discurso. Tratarase dun obradoiro gratuíto realizado en colaboración co Centro Dramático Galego.

Seminario e conferencias
Javier Trigales impartirá o seminario Sound of thunder. Paisaxes visuais e sonoras no cine americano. Guionista, programador e comisario de actividades audiovisuais para museos e festivais, os seus seminarios son unha trituradora audiovisual, unha aproximación directa, heterodoxa, sensorial e emocional co material a tratar a través de infinitos exemplos audiovisuais que crean (e destrúen) pontes temporais, espaciais, estéticas e éticas.

A oferta formativa inclúe tamén tres conferencias que se celebrarán na sede de Obra Social Abanca, na praza compostelá de Cervantes. Destaca Materia sonora ambiental e escoita inmersiva, na que Francisco López, un dos artistas do Estado con maior recoñecemento internacional no ámbito da arte sonora e a escena musical experimental, falará do seu traballo cos sons ambientais que non tratan de representar unha suposta "realidade", senón crear novos mundos de experiencia sonora baseados na transformación desa "realidade". López, tamén realizará en Curtocircuíto unha das súas afamadas experiencias de inmersión sonora.

O premiado enxeñeiro de son Ricardo Steinberg, que visitará Santiago de Compostela en colaboración coa ECAM, impartirá O son conta, conferencia na que falará da creación de son e as súas posibilidades expresivas nas películas. Paisaxe dorsal. Unha aproximación á etnografía sonora incluirá un intercambio de ideas en torno ao emprego etnográfico do son, a cargo de Miguel Alonso Cambrón, Xabier Erkizia e Nader Koochaki. Por último, a investigadora e docente viguesa Sonsoles Hernández Barbosa, doutora pola Université de Paris-Sorbonne e pola Universidade Complutense de Madrid, compartirá os seus coñecementos sobre o status que adquiriron os sentidos na experiencia da modernidade na conferencia Sinestesias.

Programación artística e fílmica
Outra das novidades incluídas en Arredor do son será a programación artística, na que se encadran, ademais da performance de Francisco López, o concerto do artista experimental Álex Mendizábal e a exposición Diafonias, con instalacións de artistas e colectivos sonoros como Vázquez/Arrieta, Ulobit, Undersound, Xabier Erkizia e Nader Koochaki, entre outros. A exposición poderase visitar no Edificio Obra Social Abanca e organízase en colaboración co CGAC, que cederá para a ocasión obras de Christian Marclay e Susan Philipsz.

Completan a proposta de Arredor do son dous programas de películas que ilustran a importancia do son no cinema e o festival convidado que, nesta ocasión, será Ertz, un evento que se celebra desde o ano 2000 en Bera (Navarra) e que traballa diferentes aspectos da arte contemporánea, especialmente propostas de carácter sonoro e corte experimental.

En constante reinvención
Curtocircuíto desenvolve deste xeito un proxecto iniciado en 2016, coa invitación ao músico e artista sonoro Xabier Erkizia a impartir un obradoiro sobre o uso do son como ferramenta narrativa na linguaxe cinematográfica. O éxito da iniciativa culminou na creación de Arredor do son, un espazo específico de reflexión sobre o son incluído na programación do festival, que terá continuidade en futuras edicións. A proposta supón unha evolución no modelo do festival, que adoita a reinventarse cada ano.

A inscrición nas actividades, que se realizan co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través do programa formativo Galicia ProFilme e a colaboración do festival vasco Ertz, CGAC, ECAM e o Centro Dramático Galego, está aberta na web do festival.

Compartir: