EMPREGO

Inícianse as actividades do Centro BTT da Susana

31/08/2017 O Centro BTT A Susana - Marrozos comezará as súas actividades a partir deste venres, 1 de setembro. Este centro está ubicado na antiga escola unitaria A Susana-Marrozos, logo de ser acondicionado polo alumnado do Obradoiro de Emprego Ecorural Santiago 2016-2017.

As actividades do Centro BTT (Bicicleta Todo Terreo) da Susana-Marrozos, comezarán ofrecendo ás persoas que se acheguen diversas actividades relacionadas co mundo da bicicleta de montaña e todo terreo.

A oferta inclúe rutas tanto pola parroquia de Marrozos, como por todo o val do Santa Lucía, pasando por tramos do Camiño de Santiago. Estas rutas divídense en diferentes categorías segundo a súa dificultade, pensando tanto en quen comeza no mundo BTT como para xente xa experimentada.

Outro obxectivo é dar a coñecer lugares pouco visitados, pero de grande interese monumental e natural dentro do municipio de Santiago.

Para contactar e coñecer máis sobre este Centro BTT pode consultarse a súa páxina web: www.bttsantiago.gal.

Ecotur III
Tamén este venres comezan as actividades do Obradoiro de Emprego Xuvenil Ecotur III, presentado o pasado 17 de agosto pola concelleira Marta Lois.

O alumnado deste Obradoiro comezará as súas actividades cunha visita ás obras rematadas na anterior campaña. Coñecerán de primeira man os resultados e así familiarizaranse co traballo que desenvolverán nos vindeiros meses.

En total, traballarán 14 persoas desempregadas menores de trinta anos. Formaranse en dúas especialidades: mantemento de xardíns e zonas verdes e colocación de pedra natural.

O Obradoiro está cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Concello de Santiago.

Compartir: