IGUALDADE

O Concello conmemora o Día Internacional do Orgullo LGTBI

28/06/2017 A Praza do Obradoiro acolleu esta mañá un acto en conmemoración do orgullo LGTBI, que se celebra cada 28 de xuño. No acto estiveron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, varios concelleiros e concelleiras de todos os grupos políticos e membros dos colectivos Amizando, Ultreia e Arelas.

O acto comezou coa lectura de varios textos en defensa do colectivo LGTBI e reivindicando o respecto pola condición e orientación sexual de cada persoa. Tomaron a palabra Cristina Palacios, de Arelas, Daniela Ferrández, de Amizando e Odu Míguez, de Ultreia.

Pola parte do Concello, a concelleira de Igualdade, Marta Lois, deu lectura a un manifesto no que a corporación municipal renova o seu compromiso na defensa dos dereitos das persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuais, queer e intersexuais. Así, Marta Lois manifestou o compromiso do Concello na "condena e denuncia da discriminación, violencia, persecución e criminalización das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (así como do resto de persoas que loitan en defensa dos seus dereitos), e as leis contrarias aos dereitos do colectivo LGTBI, que ocorran en calquera lugar do mundo".

Este manifesto tamén se lerá polos colectivos na concentración convocada na Praza 8 de marzo a partir das 20.30 horas.

Actos previstos
Ademais da concentración, a Praza de Cervantes acolle a partir das 16.00 horas un mercadiño organizado polo colectivo Amizando, no que se realizarán obradoiros para crianzas e María Reimóndez asinará exemplares dos seus libros.

Xa o venres terá lugar, na Biblioteca Ánxel Casal, a partir das 19.00 horas, unha palestra impartida por docentes comprometidos e comprometidas coa diversidade sexual. Participarán Carmen Fernández, decana da Facultade de Ciencias da Educación; Carlos Callón, docente no CPI Alfonso VII; Beatriz Suárez e Carme Adán, profesoras da Universidade de Vigo, e Laura Bugalho, educadora, sindicalista e transfeminista.

Carlos Callón será tamén o encargado de dirixir un roteiro pola memoria que sairá da Praza 8 de marzo e que terá lugar o sábado 1 de xullo ás 11.30 horas. A maiores temos programadas dúas exposicións de temática trans. Do 3 ao 8 de xullo o Centro Sociocultural das Fontiñas acolle a exposición Miradas trans*gresoras, unha exposición fotográfica centrada en expresións artísticas relacionada coa experiencia trans. Finalmente do 6 de xullo ao 12 de novembro, o Auditorio de Galicia acollerá a exposición Alén dos xéneros, de prácticas artísticas feministas de Galicia.

Compartir: