ALCALDÍA

O alcalde manifesta o seu malestar coa Delegación do Goberno polos operativos policiais realizados este martes na cidade

31/05/2017 O alcalde expresou hoxe o seu malestar coa Delegación do Goberno en Galicia "por non ter sido informado en ningún momento do día de onte dos operativos policiais despregados na cidade" e que remataron con enfrentamentos na zona histórica.

Martiño Noriega salientou que "non é de recibo que un alcalde non teña coñecemento de que a súa cidade se vai encher de unidades antidisturbios" e reiterou que o Goberno de Compostela "sempre actuou baixo un principio da lealdade e cooperación institucional que neste caso non foi correspondido" engadindo que "o único que pido como alcalde é información e lealdade institucional".

Aposta polo diálogo
O alcalde de Santiago lamentou que a situación do edificio da rúa da Algalia número 11 non fora solucionada pola vía do diálogo, e lembrou que "este local non provocou ningún problema de convivencia desde que foi okupado en abril de 2014". Martiño Noriega lembrou que "son moitas as ocasións nas que outras administracións, mesmo a xudicial, solicitan a cooperación do Concello para solucionar conflitos, como os dos desafiuzamentos ou os problemas de convivencia na rúa dos Roláns". Por iso, cuestionou que neste caso non se apostara por esta mesma vía "que podería ter dado froitos sen necesidade dun operativo policial desproporcionado".

Tamén considerou que "a defensa da propiedade privada non pode amparar actuacións como o tapiado de portas e ventás dun inmoble da zona histórica nas condicións nas que se fixo, porque estamos diante dunha aberración urbanística que non se lle permite a ningún particular".

Contra todos os tipos de violencia
Martiño Noriega manifestou tamén o seu convencemento de que Santiago "é e vai seguir sendo unha cidade tranquila e modélica na convivencia, e non permitiremos que se converta nun campo de batalla". Nesa liña, o alcalde sinalou que "reprobamos os episodios vividos ao longo do día de onte, e non amparamos o uso dunha reivindicación lexítima para amparar determinadas actitudes". Por último, o alcalde rexeitou que "se criminalice a todos os homes e mulleres que participaron na concentración convocada onte e que se presumía totalmente pacífica".

Compartir: