CONSORCIO

O Consorcio saca a concurso as obras de mellora da eficiencia enerxética das fachadas do patio oeste do Pazo de Raxoi

31/05/2017 O Consorcio de Santiago está a traballar na fachada oeste do Pazo de Raxoi para mellorar a súa eficiencia enerxética. A primeira fase, xa iniciada, céntrase no exterior. E agora o organismo interadministrativo acaba de sacar a concurso as obras de mellora das fachadas interiores por un importe global de 339.959,97 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 22 de xuño para presentar as súas propostas.

O Consorcio de Santiago está a traballar na fachada oeste do Pazo de Raxoi para mellorar a súa eficiencia enerxética. A primeira fase, xa iniciada, céntrase no exterior. E agora o organismo interadministrativo acaba de sacar a concurso as obras de mellora das fachadas interiores por un importe global de 339.959,97 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 22 de xuño para presentar as súas propostas.

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable desta obra é Xosé Allegue. Explica que con esta intervención búscase mellorar a eficiencia enerxética das fachadas do patio oeste do Pazo de Raxoi a través da renovación de carpinterías e saneado da fachada. Tal como sinala o arquitecto, "o mal estado das carpinterías e rexuntados da pedra favorece a perda de calor e a permanente humidade das caras interiores dos muros, o que obriga ao sistema de calefacción a empeñar gran parte da súa capacidade na disipación da humidade dos muros, que pasa á súa vez ao ambiente interior das estancias, coa conseguinte aparición de mofos e liques, e provocando como consecuencia ambientes de traballo insalubres".

Nesta mesma fachada atópase unha terraza que presenta graves problemas de filtracións de pluviais cara ás estancias inferiores, provocando altos niveis de humidade e fungos, ademais dun elevado consumo enerxético para a súa desecación, polo que se procederá á súa impermeabilización.

Mantemento da pedra e renovación de carpinterías e reixas
Entre as actuacións que se van levar a cabo destaca o mantemento ordinario dos elementos pétreos da fachada, co fin de garantir a súa estanquidade. Ademais, revisarase o estado da pedra de cara a previr posibles caídas de material á rúa.

Por outro lado, renovaranse todas as carpinterías para mellorar a estanquidade, o illamento acústico e a eficiencia enerxética do edificio nesta fachada. Implementaranse mecanismos e motorizacións de aperturas de ventás non accesibles co propósito de facilitar a necesaria ventilación dos espazos. E nalgunhas estancias inclúense medidas correctoras para atenuar a concentración de radón.

Tamén se sanearán as reixerías existentes nas ventás dos balcóns, así como nas numerosas ventás que dan ao patio.

Compartir: