ALCALDÍA

Máis dunha trintena de postos e ducias de actividades paralelas na primeira edición da SELIC

31/05/2017 O alcalde presentou hoxe a lista de participantes e o calendario de actividades na SELIC, a Semana do Libro de Compostela, que se celebrará na praza da Quintana do 2 ao 11 de xuño. Martiño Noriega estivo acompañado por dous representantes da Mesa do Libro, David Cortizo, de Urco Editora, e Loaira Martínez, da Libraría Ciranda.

O alcalde explicou que na SELIC haberá máis de trinta postos, de librarías e editoriais, pero tamén de institucións como o Concello, o Consorcio, o Auditorio, a Fundación Granell ou o Museo do Pobo Galego. Da lista de participantes, Martiño Noriega salientou que "habería librarías e editoriais diversas, porque o obxectivo é que a SELIC sexa heteroxénea e se converta no mellor escaparate da diversidade e da calidade do sector do libro en Santiago". Así, na praza da Quintana haberá editoriais centradas en temáticas tan específicas como o libro técnico e universitario, a tradución de literatura estranxeira ao galego, a arte, ou a literatura infantil e xuvenil. Tamén participarán librarías especializadas en libros en portugués, en banda deseñada e ficción ou en poesía.

Os 32 postos da feira ocuparán unha praza da Quintana que, tal e como apuntou o alcalde, "vai estar configurada como un espazo de encontro, e por iso haberá postos totalmente abertos que faciliten o intercambio e a interacción". Ao deseño da loxística da SELIC tamén se referiu David Cortizo, de Urco Editora, que asegurou que "o Concello recolleu todas as demandas formuladas na Mesa do Libro por libreiros e editores, que querían stands que facilitaran o contacto co público e cos propios participantes".

Presentacións e firmas de libros
Dentro da programación da Semana do Libro de Compostela haberá actividades que "vinculamos máis ao formato tradicional das feiras, como sinaturas ou presentacións de libros".

En concreto, teremos ata 50 presentacións distintas, que traerán á SELIC a autores como Diego Ameixeiras, Antonio Fraga, Marga Tojo, María Canosa ou María Reimóndez. Nalgúns casos, os formatos serán innovadores "con presentacións cruzadas, mesas redondas ou conversas entre autores".

En canto ás sinaturas de libros, están previstas un total de vinte, con autores como Luz Darriba, María Solar, Inma López Silva, Miguel Anxo Fernández ou Jorge Emilio Bóveda.

Outras propostas
O alcalde tamén salientou que a SELIC "está concibida como unha actividade para toda a familia, e por iso imos ter na praza da Quintana un espazo de animación infantil, con actividades lúdicas conducidas por unha monitora". Tamén están organizadas diferentes actividades pensadas para os nenos e nenas, de balde pero con aforos limitados.

Haberá un espazo, chamado "Terra de Libros", para que os máis pequenos recreen contos, e está prevista unha actividade para que os cativos realicen un relato ilustrado sobre o Camiño de Santiago seguindo as pautas do xogo da oca. Ademais, haberá unha ruada de percusión con Trópico de Grelos e, ao abeiro da SELIC, está prevista a representación no Teatro Principal, o sábado, de A nena e o grilo nun barquiño, con Magín Blanco.

Entre as actividades paralelas da Semana do Libro tamén figuran percorridos guiados "para amosar a Compostela máis literaria". O programa inclúe unha visita ao DIDAC, o Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas; un percorrido botánico pola Alameda guiado polo biólogo Martín Souto, coautor da Guía Verde de Santiago; un itinerario troiano dramatizado ou unha visita ao Museo do Pobo Galego.

A SELIC celebrarase na praza da Quintana do 2 ao 11 de xuño, en horario de mañá nos días da semana e en horario de mañá e tarde nas fins de semana.

Compartir: