ALCALDÍA

Recepción a unha delegación do Goberno de Guinea-Bissau

30/05/2017 Integrantes da Corporación recibiron en Raxoi o ministro de Administración Territorial de Guinea-Bissau, Sola Naquilin. A concelleira Concha Fernández foi a encargada de dar a benvida a Santiago á delegación guineana, que está en Galicia para coñecer diversas iniciativas de desenvolvemento local.

Da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o ministro de Administración Territorial de Guinea-Bissau, está a coñecer diversas accións de desenvolvemento local e ordenamento do territorio. A delegación africana, integrada tamén por responsables do Programa de Gobernación e Desenvolvemento Local impulsado pola ONU, comprobará o apoio que deputacións e concellos prestan a iniciativas empresariais, tecnolóxicas, urbanísticas e asociativas que buscan o progreso económico e social.

Alén do ministro de Administración Territorial, integran a delegación guineana o director de Servizos de Licenciamento e Incentivos ao Investimento, Micailo Biai; o director xeral do Programa de Gobernación e Desenvolvemento Local de Guiné-Bissau, Mahalam Mane; a asesora técnica principal de dito programa promovido polo Plan de Desenvolvemento de Nacións Unidas (PNUD), Angela Abdula, e mais Iván Arizcurinaga, consultor da mesma iniciativa, que busca promover o bo goberno, a prestación de servizos básicos e o acceso das poboacións máis vulnerables a oportunidades económicas, con enfoque de xénero.

Ademais das visitas a diversas institucións e iniciativas en diferentes puntos de Galicia, a delegación guineana participará nas Xornadas "Os retos da cooperación municipalista na consecución dos ODS’ que o Fondo Galego organiza este mércores, 31 de maio, en Santiago de Compostela. O seminario porá de relevo o papel clave que teñen as administracións locais para acadar os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, fixados polos estados membros da ONU co fin de erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas.

Compartir: