ACCIÓN CULTURAL

Música e danza na programación cultural da fin de semana

28/04/2017 A programación cultural da fin de semana está protagonizada polas diferentes actuacións coas que se celebra en Compostela o Día Internacional da Danza. O calendario complétase con varias propostas musicais. As entradas poderán mercarse cos descontos habituais no despacho de billetes do Teatro Principal, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

A compañía de danza Las Tricotouses presenta Emoticores este sábado 29, ás 18:30 horas, no Teatro Principal, ademais de ofrecer a posibilidade de asistir a un taller, Cor e psicoloxía, gratuíto e ata límite de aforo, onde nenos e nenas (maiores de 6 anos) e adultos, poden traballar sobre as emocións. Este obradoiro será ás 12:30 horas.

Pola tarde, Cristina Montero & Rut Balbís, soben á escena a peza Emoticores, na que continúan a indagar sobre emocións e aquilo que as provoca. As entradas teñen un prezo de 3 euros con entrada familiar (4 entradas) ou de 10 euros.

O sábado tamén ao Centro de Danza e Artes Escénicas Can Cun Quinqué, que en colaboración coas diferentes escolas e centros de danza de Santiago de Compostela, pon en marcha o Día da Danza na Rúa. Será na praza da Quintana, para todos os públicos: ás 12:00 horas, mostra do alumnado das distintas escolas de danza de Santiago de Compostela; ás 17:00 horas, clases abertas e gratuítas na mesma praza da Quintana, rematando cunha Jam de música, percusión e danza ás 20:00 horas.

Xa na xornada do domingo, no Auditorio de Galicia, con entrada de balde ata límite de aforo e enmarcado dentro do programa Torre de Babel, preséntase Cerebro, artes, acción, unha iniciativa que busca a colaboración, a inclusión grupal, o respecto intelectual e o fomento da creatividade a través da educación artística e o traballo en equipo. As beneficiarias do proxecto son 20 persoas con dificultades de inclusión social, que levan traballando dende comezos do mes de marzo e que agora nos amosan todo ese traballo nesta cita, iniciativa coa que se continúa a celebrar o Día Internacional da Danza.

Marem Ladson
A música completa a programación do sábado. Así, haberá un concerto do Ukelele Kit Project con Marem Ladson, dentro das actividades que se están a desenvolver arredor da exposición MiiC. A actuación será ás 19:00 horas na sala de exposicións do Auditorio e a entrada é libre ata límite de aforo.

Marem Ladson dará vida ao ukelele intervido por David Sierra. Marem Ladson (Ourense, 1997) comezou tocando a guitarra e a súa paixón pola escritura converteu os relatos e poesías que escribe en letras para os temas que interpreta. As súas influencias van dende os clásicos como Neil Young ou Bob Dylan a cantautoras como Joan Baez ou Laura Marling. A mestura de enerxía, suavidade, elegancia e sensualidade conforman a súa identidade.

Música de cámara, a Banda e Compostela Conversa
Dentro do ciclo Música de Cámara nas Cidades Patrimonio de España, o pianista Enrique Lapaz ofrece un concerto ás 20:30horas no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, con entrada libre ata límite de aforo. Pianista da Escola de Música Reina Sofía, interpretará obras de Bach, Haydn, Débussy, Berio, Schumann e Balákirev.

Pola súa parte, a Banda Municipal de Música de Santiago inaugurará este sábado na Alameda, ás 12:30 horas, a Feira do Libro. E ao día seguinte, xa no Teatro Principal, ás 12:00 horas, renderá a súa particular homenaxe a esta manifestación artística e universal que é a danza.

As propostas musicais péchanse con outra cita do ciclo Compostela Conversa, desta vez protagonizada por Atrás Tigre e por Lorena Álvarez y su Banda Municipal.

Compartir: