DEPORTE

Santiago acolle a segunda xornada da I Copa Gallaecia de Fútbol Feminino en categoría infantil

28/04/2017 O campo de fútbol do Sergas acollerá o vindeiro luns 1 de maio, en horario de mañá e tarde, a segunda xornada da I Copa Gallaecia de Futfem en categoría infantil. Así o anunciaron esta mañá a concelleira de Deporte, Noa Morales; o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Javier García, e a coordinadora da sección feminina do club, Maribel Rial.

A I Copa Gallaecia Futfem infantil vén a cubrir a carencia de competición propiamente feminina no fútbol galego, o que explica ademais que esta sexa a súa primeira edición. Proponse como un aliciente máis para fomentar a creación dunha competición feminina nas categorías base do fútbol galego.

Noa Morales amosou a súa satisfacción porque a cidade de Santiago sexa sede da segunda xornada desta copa, "non só pola vertente deportiva, senón tamén pola visibilización do deporte feminino" e engadiu que "Compostela é capital deportiva, mais tamén capital da igualdade".

Copa en catro sedes
Nesta Copa Gallaecia participan seis clubs: o Victoria de Santiago, equipo anfitrión nesta segunda xornada, o Milagrosa de Lugo, o Victoria da Coruña, o Chispa de Pontevedra, o Sárdoma de Vigo e o Orzán da Coruña.

Hai un total de catro sedes, de tal xeito que cada unha das xornadas se disputa nunha cidade diferente. A primeira xa se celebrou o pasado 17 de abril en Lugo, o 1 de maio celebrarase a segunda en Santiago, o 10 de xuño será a terceira en Vigo e a final terá lugar na Coruña o vindeiro 17 de xuño.

En cada concentración enténdese a puntuación como se dunha liga regular se tratase, de tal xeito que os gañadores de cada encontro suman 3 puntos e os empates valen un único punto. Unha vez celebradas as tres primeiras xornadas e a metade da cuarta, sumaranse os puntos acadados por cada un dos equipos, establecendo unha orde clasificatoria. Dese xeito quedaría unicamente por disputar a gran final da Copa e os restantes partidos que diriman cada un dos postos logrados polos seis participantes.

O vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Javier García, sinalou que "a decisión de establecer unha copa en catro sedes responde á existencia dun equipo representativo en cada unha das cidades" e fixo unha aposta clara por continuar coa "loita de que o fútbol feminino teña representación". Javier García lembrou que "despois de reactivar ás seleccións galegas femininas de fútbol sala e fútbol 11 o obxectivo é apostar polo fútbol base".

Finalmente a responsable do equipo feminino do Victoria, Maribel Rial, destacou a "aposta que se fai polo fútbol e o deporte feminino" e demandou máis apoio por parte das administracións.

Compartir: