EMIGRACIÓN

Os emigrantes galegos na Arxentina transmiten as súas inquedanzas aos alcaldes da Mancomunidade de Santiago

25/04/2005 Os alcaldes da Mancomunidade departiron con perto de mil emigrantes galegos durante a súa primeira xornada de traballo na Arxentina

Os alcaldes da Mancomunidade de Santiago, integrada polos municipios de Ames, Brión, Boqueixón, Teo, Santiago, Vedra e Val do Dubra iniciaron o seu programa de actividades institucionais cos emigrantes galegos en Arxentina cunha visita o pasado sábado 23 de abril á Casa de Vedra, sita en Buenos Aires, onde está instalada a oficina comarcal na que os emigrantes da comarca poden informarse e asesorarse sobre a súa situación.

Os alcaldes atoparon a cálida acollida de perto de mil persoas neste primeiro acto da viaxe institucional a Arxentina e Uruguai que os representantes da Mancomunidade están a levar a cabo, e que rematará o próximo 1 de maio.

O presidente da Casa de Vedra, Horacio Pejito, foi o encargado de presentarlles os alcaldes aos perto de mil emigrantes que acudiron á cita. Tras as intervencións do Concelleiro de Promoción Económica e Mercados, Xosé Manuel Iglesias; do alcalde de Brión, José Luis García García; do alcalde de Teo, Armando Blanco; e do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, os veciños tiñeron a oportunidade de conversar e transmitirlles aos alcaldes as súas dúbidas e inquedanzas. Tanto alcaldes como concelleiros coincidiron no desexo de "non falar de política" pese á próxima cita das eleccións autonómicas, posto que, segundo manifestou o actual Presidente da Mancomunidade, Sánchez Bugallo, se trata de "facer da casa de Vedra un nexo da atención estable" os veciños da comarca, con quen "temos a obriga de representalos e estar acó, coñecelos e saber que queredes nós", indicou, "aparándonos de calquera continxencia electoral".

O alcalde compostelán, que visita por segundo ano consecutivo a Casa de Vedra, quixo dar as grazas a todos os alí presentes pola súa acollida nunca Casa que "nos une a uns e outros". Neste senso, a Casa de Vedra quere ser un lugar para "unir os concellos e non dividilos".

A "Sociedad Parroquial de Vedra" foi fundada en 1910 en Buenos Aires, pero o que é actualmente a Casa de Vedra non comezaría a funcionar ata o 1974. En Argentina viven hoxe arredor de 104.000 galegos emigrados, dos cales uns 87.000 están en Buenos Aires.

O luns 25 de abril, os integrantes da Mancomunidade visitarán a embaixada de España en Buenos Aires, onde serán recibidos polos embaixador, Carmelo Angulo Barturen. Na axenda de actos institucionais está programada tamén unha visita ao Colexio Santiago Apóstol, no que estudian fillos de emigrantes galegos e onde asinarán un convenio de colaboración co transporte escolar. Así mesmo, Sánchez Bugallo será recibido polo Vicepresidente do goberno da Nación, Daniel Osvaldo Scioli.



Compartir: