POLÍTICA LINGÜÍSTICA

As empresas Aceiro e T44 fanse co Premio Manuel Beiras polos seus esforzos en prol da normalización do galego

30/11/2006 Os establecementos comerciais Aceiro e T44, gañaron a edición 2006 do Premio Manuel Beiras, segundo anunciou en rolda de prensa o concelleiro de Política Lingüística, Manuel Portas. Con este premio recoñécese o labor en prol da normalización do uso do galego no sector empresarial. Esta edición contou con 66 participantes.

O galardón na categoría de empresas incorporadas recentemente ao uso do galego recaeu na empresa de artesanía Aceiro. O xurado estimou que "a oferta desta empresa amosa unha imaxe coherente do país a través de produtos anovadores, atractivos e de calidade, presentándoos na nosa lingua tanto á cidadanía compostelá como a turistas e visitantes".

A empresa de reprografía T44 foi valorada no apartado de entidades cun uso continuado da linga galega. En particular, apreciouse o seu papel de "axente galeguizador da comunicación individual e colectiva nos seus clientes a través da súa publicidade e da interlocución directa".

O xurado tamén outorgou unha mención especial á papelería Xaquín e ao seu propietario, Xaquín Mato Castro, "por manter dende hai xa máis de 25 anos a presenza da lingua galega no seu establecemento, dende un compromiso claro e contundente que, non só o fixo pioneiro, senón tamén exemplo galeguizador do comercio compostelá".

Os gañadores recibirán o seu premio nunha cea que se celebra o venres 1 no Hotel Araguaney. Alí, entregarase o galardón simbólico, unha escultura creada especialmente por Acisclo Manzano. Ademais deste recoñecemento simbólico, as empresas e comercios agraciados poderán amosar a través da súa publicidade ou nos propios establecementos a posesión do galardón, coma unha garantía máis de que respectan o idioma galego.

O Premio Manuel Beiras lembra a figura deste histórico comerciante compostelán, que destacou pola súa loita en prol da lingua e da cultura galega.

Compartir: