FACENDA

O Concello introduce novas melloras para facilitar aos cidadáns as súas xestións tributarias

30/11/2006 A incorporación de máis posibilidades nas pasarelas de pago e a opción de facer autoliquidacións na web municipal son dúas das melloras que vén de introducir a administración municipal en beneficio dos cidadáns. As novidades, que se están a introducir de forma progresiva e continuarán en 2007, foron presentadas polo concelleiro de Facenda e Orzamentos, Xaquín Fernández Leiceaga.

O primeiro dos puntos nos que a Administración local está a mellorar é na incorporación de máis entidades bancarias dende as que se pode facer o pago telemático dos tributos. Así, ademais de Caixa Galicia, neste segundo semestre do ano incorporáronse as entidades BBVA, BSCH e CaixaNova, e está en trámite La Caixa.

Tal como explicou Fernández Leiceaga, a única limitación que teñen estas pasarelas de pago é que, para utilizalas, o cidadán ten que ser cliente dalgunha destas entidades. Para solucionar isto, o Concello subscribiu un convenio con Red.es, grazas ao cal calquera persoa poderá acceder ao seu servizo de pago telemático para ingresar os seus impostos e taxas municipais. Red.es é unha entidade dependente do Ministerio de Industria creada para impulsar a sociedade da información.

O servizo de pago telemático de Red.es é multientidade, "o que permitirá o pago de recibos de clientes de distintas entidades, algo que é especialmente importante para os colaboradores sociais", indicou o concelleiro de Facenda. Ademais, permite a xeración de xustificantes de pago e realizar o pago das autoliquidacións creadas dende a web do Concello (www.santiagodecompostela.gal).

Este novo servizo é posible grazas a un convenio con Red.es, cuxa adhesión foi aprobada por unanimidade no Pleno municipal celebrado na tarde do xoves 30.

Calculadora de tributos

A outra das melloras anunciadas por Fernández Leiceaga atinxe ás autoliquidacións a través da web municipal. En particular, dende este mes está plenamente en funcionamento a calculadora de tributos, grazas á cal o cidadán pode comprobar as súas obrigas tributarias. Este simulador está xa dispoñible para os tributos urbanísticos, de vehículos, plusvalía e taxas administrativas e de matrimonio. Nos vindeiros meses irase ampliando a outros impostor.

Unha vez o cidadán coñece a cantidade que debe pagar, pode serrar unha autoliquidación e pagala a través das pasarelas bancarias telemáticas antes citadas, ou ben acudir á propia entidade.

Fernández Leiceaga resaltou a importancia que isto tamén ten para os colaboradores sociais. Para iso, puxo como exemplo que en 2006 se fixeron 4.218 autoliquidacións do imposto de vehículos a través da web municipal, dos cales o 90% fixéronos colaboradores sociais. Ademais, apuntou, isto supón un importante axilización do traballo dos funcionarios, que poden ocupar o tempo gañado na non realización destes trámites noutros nos que aínda non é posible a xestión a través de Internet.

Para acceder a estes servizos, o cidadán unicamente debe obter unha clave, que se facilita no Servizo de Atención ao Cidadán. No futuro, cando se implante o carné dixital, nin sequera será preciso este trámite.

Compartir: