UMAD

O Concello pon en marcha unha campaña para sensibilizar á xente nova sobre as consecuencias do uso e o abuso do alcol

29/11/2006 A concelleira de Benestar Social e UMAD, Adelaida Negreira, e a directora da devandita entidade, Pilar Bermejo, presentaron en rolda de prensa o programa "Xoga sen graos", iniciativa que busca facer visibles entre a xente nova as consecuencias do uso e o abuso do alcol e que se inclúe dentro do Programa municipal de Prevención do Alcolismo Xuvenil, promovido desde a Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes do Concello de Santiago.

A iniciativa "Xoga sen graos", destinada a 33.392 mozos e mozas que residen no Concello de Santiago, consiste na distribución de 1.200 carteis, 5.000 calendarios, 2.300 chapas, 2.000 postais e 3.000 adhesivos coas mensaxes da campaña nos locais e lugares frecuentados pola xente nova. Nesta tarefa colaborará o Servizo de Voluntariado da Universidade de Santiago. Así mesmo, contempla a realización de actividades preventivas sobre o alcol nos centros educativos do Concello.

"Xoga sen graos" sinala os efectos e consecuencias negativas do uso e abuso do alcol, máis concretamente sobre a falsa crenza de asociar o alcol e a diversión como dúas caras da mesma moeda esupón a continuidade das campañas de prevención de alcolismo entre os máis novos que se enmarcan no Programa municipal de Prevención do Alcolismo Xuvenil, que leva 8 anos desenvolvéndose Anteriormente puxéronse en marcha as seguintes campañas:
-Programa Municipal de Prevención do Alcolismo Xuvenil (1998/2000)
-Campaña "Movida-Medida" (2001/2002)
-Campaña "Punto e coma" (2003/2004)
-Campaña "Fóiseche a pota" (2005/2006)

Despois deste tempo comprobouse que os mozos e as mozas de Santiago precisan completar e aclarar os mitos e falsas crenzas que existen sobre o alcol. Con esta campaña preténdese seguir sendo contrapunto ao alude de mensaxes publicitarias que asocian o alcol con éxito, diversión, amizade, tempo de ocio, sexo, etc., mensaxes que van directas aos intereses da xente nova obviando as consecuencias negativas do consumo (accidentes de tráfico, comas etílicos, relacións sexuais sen protección, vómitos, mareos, resaca, etc.,)

Para conseguir isto o Concello a través da UMAD achega á mocidade información obxectiva e veraz sobre o alcol e as consecuenecias do seu uso e abuso, afastados de formulacións moralistas e/ou prohibicionistas sobre o alcol e a xente nova.

Ao longo destes anos foron miles os mozos e mozas aos que se lles achegaron mensaxes e actividades, que presentaban como denominador común unha información clara e precisa sobre os riscos do abuso do alcol, e a necesidade de ter unha relación crítica con respecto ó seu uso.

DATOS sobre o alcol e a xente nova:

A.Colaboración cos centros educativos do Concello para a realización de actividades preventivas sobre o alcol

Esta colaboración comprende os programas e actividades de prevención do uso e abuso de alcohol e outras drogas, que se realizan desde a UMAD.
Prevemos que máis de 6.000 alumnos e alumnas de centros educativos do Concello de Santiago participen, neste curso 2006/2007, nestes programas de prevención.
Os programas son:
•CINENSINO, que emprega o cinema como ferramenta preventiva e pedagóxica. Participan 2.150 alumnos e alumnas de 10 a 14 anos de 27 centros educativos do Concello de Santiago.
•Programa de prevención do consumo de drogas na escola. Consiste no desenvolvemento na aula de actividades preventivas, recollidas nos cadernos de traballo editados polo Plan de Galicia sobre Drogas da Consellería de Sanidade e adaptadas ás idades dos escolares. Así agardamos que a participación ronde as 3.500 persoas desde os 5 ata os 18 anos de 26 centros educativos.
•Información e Formación sobre Drogas. Destinado a 800 participantes de 14 a 17 anos e 15 centros educativos de secundaria e bacharelato.
•Programa de Habilidades Sociais para 6º de EPO. Destinado a 650 nenos e nenas de 11 e 12 anos de 20 colexios de educación primaria.
•Programa de Habilidades Sociais para 1º e 2º de ESO. Destinado a 200 nenos e nenas de 14 e 16 anos de 2 colexios de educación secundaria.
•Ademais: Formación para o profesorado e traballo con pais e nais sobre temas de prevención ao longo do curso escolar.

B.Datos sobre o consumo de alcol en Galicia. (Fonte: Plan de Galicia sobre Drogas publicado en 2004).

•21,3 % de 12 a 18 anos e 28,4% de 19 a 24 anos consumen alcol ata 3 veces por semana. Sobre o 13.2 % do total
•24,4% de homes de 12 a 18 anos e 14,6% de mulleres consumen de 1 a 4 veces semana. Sobre o 19.2 % do total.

C.Datos sobre o consumo de alcol

Entre 1994 e 2004 viñéronse realizando en España enquisas bienais co obxectivo de coñecer a situación e as tendencias de consumo de drogas entre os estudantes de 14-18 anos que cursan ensinanzas secundarias. As enquisas foron financiadas e promovidas pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas e contou coa colaboración dos gobernos das Comunidades Autónomas (Plans Autonómicos sobre Drogas e Consellerías de Educación) e do Ministerio de Educación e Ciencia.

O alcol é, con diferenza, a substancia psicoactiva de abuso máis estendida entre os estudantes de ensinanzas secundarias de 14-18 años en España. De feito, en 2004 a proporción destes estudantes que consumira algunha vez bebidas alcólicas nos 12 meses e nos 30 días previos á enquisa foi 81%, y 65,6%, respectivamente.
Con respecto ao consumo habitual, un 47,3% consumira alcol máis de 8 días nos 30 días previos (51,8% entre os homes e 42,8% entre as mulleres).

Compartir: