CONFERENCIA SOBRE PATRIMONIO

O alcalde defende en Las Palmas a revitalización dos cascos antigos dinamizando o comercio e a poboación

28/11/2006 O rexedor compostelán valorou moi positivamente a candidatura dos barrios de Triana e Vegueta de cara a ser declarados Patrimonio da Humanidade. Durante a conferencia, Bugallo alertou sobre o perigo de que as cidades patrimonio se convertan en parques temáticos se non se lles dota de programas específicos para dinamizalas.

Na xuntanza previa que Sánchez Bugallo mantivo coa alcaldesa de Las Palmas, Pepa Luzardo, eludiu dar receitas para acadar a declaración da UNESCO porque "cada lugar ten as súas particularidades, pero non teño dúbida de que conseguiredes o que pretendedes porque aquí hai un patrimonio que realmente merece esa consideración".

A conferencia celebrouse no Gabinete Literario da cidade, un dos edificios do conxunto histórico que opta á Declaración da UNESCO. Durante a súa exposición, o alcalde de Santiago fixo unha breve reseña histórica sobre as orixes da cidade para pasar a continuación a relatar o proceso que seguiu Raxoi na presentación da candidatura acadada en 1985.

Bugallo resaltou que o fundamental para o Concello cando se pensou en solicitar a declaración era concienciar aos cidadáns da importancia de poñer en valor o seu patrimonio. "Ao principio foi difícil, topamos con oposición dos veciños por exemplo co tema da peatonalización, pero hoxe por hoxe a ninguén se lle ocorrería volver a abrir ao tráfico o casco histórico". Sobre este tema, Bugallo apostillou que estas decisións requiren doutras accións en paralelo e puxo coma exemplo os 8 aparcadoiros construídos arredor da améndoa da cidade vella.

Tamén explicou cómo se levou a cabo a catalogación dos máis de doce mil edificios que se inclúen no Plan Especial e como se xestiona o Plan de Rehabilitación, dous temas que espertaron o interese da alcaldesa Pepa Luzardo e da prensa que asistiu ao acto.

Por último, o alcalde apuntou que xa se levan rehabilitadas máis de 1.500 vivendas baixo o Plan e outras 600 a título particular. Segundo explicou, "o que se conseguiu ao declarar Santiago Patrimonio da Humanidade foi revalorizar a zona monumental" de maneira que pasou de ser unha zona degradada a converterse nunha zona cobizada pola xente de máis poder adquisitivo. "O reto que se nos plantexa agora -dixo Bugallo- é abrir o casco vello á xente xoven a través do programa de pisos tutelados que estamos poñendo en marcha". A petición de Pepa Luzardo e dalgúns dos asitentes, Bugallo explicou como se vai xestionar este programa e advertiu que o fundamental é evitar que os contornos históricos protexidos se convertan en parques temáticos, e para iso hai que dotalos de poboación xoven e comercios útiles para os veciños.

Compartir: