ACCIÓN CULTURAL E IGUALDADE

Sophie Auster presenta en Compostela o seu último traballo, ‘Next Time’

31/03/2017 Con este concerto péchanse as actividades do Concello enmarcadas en Territorio de Mulleres e que se celebraron arredor do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. O concerto será ás 20.30 h no Teatro Principal e as entradas poden mercarse no propio Principal ou na web e teléfono de Abanca, a 14 euros (7 para os colectivos con desconto)

Sophie Auster está en Compostela acompañada pola súa banda para presentarnos o seu último traballo, ‘Next Time’ nun concerto no que tamén interpretará temas seus de anteriores discos. Será esta noite, ás 20.30 h no Teatro Principal e con esta actividade o Concello pecha os actos celebrados con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, enmarcados en Territorio de Mulleres. Auster chega á nosa cidade dentro dunha xira polo Estado na que antes estivo en Zaragoza, Granada e Madrid.

As entradas para o concerto poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (que abre ás 18.00 h), no teléfono 902 434 443 ou na web entradas.abanca.com. Teñen un prezo de 14 euros ( 7 € para desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais).

Ser filla de Paul Auster e Siri Hustvedt dálle unha dimensión intelectual a esta artista neoiorquina desde o berce que aos 8 anos estudaba canto e enseguida comezou coa interpretación. Mentres estudaba na Universidade (Sarah Lawence College), este primeiro disco levouna a tocar durante as vacacións de verán nos festivais europeos de e en Sudamérica. No seu ‘Rede Weather’ pon o acento na súa voz visceral e as súas letras de corazón torturado.

"Sophie Auster non é a clase de cantante que te atopas a miúdo. É unha mestura da rabia honesta de Fiona Apple coas historias folk de andar pola casa de Gillian Welch envolto nas máis sedutoras e luminosas cancións que poidas atopar."Mike Levine, The Deli.

O seu segundo LP, ‘Dogs and Men’ foi bendicido por The New York Times pola súa "voz abrasadora e folk" e W Magazine tildouno de "elevado". John Osburn do blog Obsburt dixo: "cada canción culmina, realízase. A súa voz é incansablemente sorprendente. Enche as letras coma se fosen globos, cada palabra é unha pompa de significado".

‘Next Time’, o seu novo traballo producido por Tore Johansson (New Order, Franz Ferdinand, The Cardigans, Martha Wainwright) amosa un son máis evolucionado e rememora os grupos de mozas dos 60, Peggy Lee e o soul dos 70. Trae ao presente a infancia de Sophie.

"O álbum é un reflexo sobre o avance e o retroceso. Ás veces con humor, ás veces serio, pero o fío que une todo o traballo é a idea de que a próxima vez será sempre mellor. A próxima vez terei aprendido dos meus erros" di Sophie.

"Se Tom Waits e Billie Holiday tivesen descendencia podería ser Sophie Auster".

Compartir: