ALCALDÍA

O alcalde designa promotor da "Festa da Uña 2017" ao Concello de Santiago

31/03/2017 O alcalde, Martiño Noriega, ven de asinar unha resolución para que o Concello de Santiago sexa promotor da "Festa da Uña" de San Lázaro, na súa edición de 2017. Deste xeito, o Goberno quere garantir a celebración desta cita tradicional, en risco porque por primeira vez este ano non existía unha comisión veciñal que se encargara da organización e das tramitacións.

Atendendo á tradición, ao seu interese turístico e ás peticións populares neste sentido, o Concello de Santiago será o promotor da "Festa da Uña", e a concellería de Medio Ambiente e Convivencia facilitará a celebración dos festexos. O tempo, a resolución de alcaldía sinlala que a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil prestará un servizo de especial atención ao barrio de San Lázaro durante os días de celebración da Festa.

O alcalde deu conta desta resolución na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, na que se mostrou convencido de que a celebración da "Festa da Uña" está garantida "porque é unha tradición popular e un desexo da veciñanza". Martiño Noriega expresou o seu desexo de que nos próximos anos volva estar activa a comisión "que é a fórmula empregada en todas as festas dos distintos barrios composteláns, aínda que require un gran esforzo por parte dos seus integrantes".

Compartir: