XUNTA DE GOBERNO

Sae á venda unha parcela de propiedade municipal en Romero Donallo

31/03/2017 A Xunta de Goberno aprobou hoxe unha proposta do concelleiro delegado de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade relativa ao inicio do procedemento de venda dunha parcela municipal situada no SUP-1 de Romero Donallo.

Trátase dunha parcela denominada Quinteiro 2, da que o Concello posúe o 60%. O alcalde explicou que os terreos "sairán á venda en concurso público por un prezo inicial de case 3,2 millóns de euros". Martiño Noriega lembrou que en mandatos anteriores xa houbera algún intento de vender esta parcela, que ten un uso destinado á promoción de vivenda tanto libre como protexida.

O alcalde mostrouse confiado nas posibilidades de pechar a operación, e explicou que "esta é unha maneira de buscar máis recursos para o Concello, se ben os ingresos por venda de patrimonio só se poden destinar a actuacións patrimoniais e nunca ao pago de cuestións como gastos correntes".

Programa "Bailamos"
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a posta en marcha do programa "Bailamos", desde o departamento de Relacións Veciñais. Trátase dunha actividade específica dirixida a persoas maiores, xubilados e pensionistas, á que se van destinar preto de 4.500 euros.

O programa recolle nove bailes nos meses de abril, maio e xuño. Serán tres sesións no centro sociocultural José Saramago de Vite, outras tres no CSC das Fontiñas, e tres bailes máis na Casa das Asociacións de Cornes. Serán os sábados en horario de tarde, e a participación será de balde.

Conciliación en Semana Santa
Ademais, hoxe recibiu luz verde o Programa Municipal de Conciliación para a Semana Santa, dirixido a nenos e nenas que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. O programa desenvolverase durante o período de vacacións escolares de Semana Santa, os días 10, 11, 12 e 17 de abril, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Tamén se ofrecerá servizo de madrugadores con almorzo (de 7.45 a 9.00) e servizo de comedor (de 14.00 a 16.00). As actividades desenvolveranse no CEIP Raíña Fabiola e no CEIP das Fontiñas.

Outros acordos
Na Xunta de Goberno desta mañá tamén se lle deu luz verde ao convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Fundación Refuxio de Animais para 2017. Ao mesmo tempo, aprobouse a xustificación da achega municipal correspondente a 2016, que ascendeu a 158.350 euros.
Por último, aprobáronse os convenios de colaboración entre o Concello e as Asociacións Culturais Tempo con Xeito e Cidade Vella, para os meses de abril, maio e xuño de 2017.

Compartir: