XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a recepción da primeira fase do SUNP-31 de San Marcos

31/03/2017 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a recepción da Fase 1 do SUNP-31 de San Marcos. Trátase do paso previo para que esta urbanización poida ser dotada dos servizos básicos de iluminación pública, limpeza ou rozado dos que nunca gozou nos nove anos que transcorreron desde a construción das vivendas.

A recepción da Fase 1 foi autorizada pola Xunta de Goberno, pero con varias condicións. Unha delas é que o centro de mando do alumeado público sexa adaptado ao normalizado do Concello, antes de que se remate a segunda fase do SUNP-31.

De igual maneira, no prazo máximo dun mes a Xunta de Compensación da urbanización deberá promover a inspección das instalacións polo Organismo de Control Autorizado e cambiar o titular do contrato de subministro de enerxía ao nome do Concello de Santiago. Por último, o Concello reclama unha garantía de 8.782,58 euros, IVE engadido, polos gastos de urbanización precisos para completar o servizo de abastecemento de auga potable.

O alcalde, Martiño Noriega, mostrou o seu desexo de "que se cumpran estas condicións para que a recepción da urbanización poida facerse efectiva, e a veciñanza vexa por fin satisfeitas as súas demandas".

Un longo proceso de case unha década
O solo do SUNP-31 de San Marcos foi programado en 2002, cun uso hoteleiro e cun cento de vivendas unifamiliares. No ano 2008, a empresa construtora quebrou, deixando executados só 19 dos chalés previstos, que os seus donos ocuparon antes de ter licenza de ocupación e antes de que as obra de urbanización do ámbito estiveran rematadas.

Xa en 2015, a Xunta de Goberno acordou declarar o incumprimento do deber de executar a urbanización completa do polígono, e acordou incautar a garantía presentada pola empresa para responder ás súas obrigas, un aval bancario de máis de medio millón de euros. A partir de aí, puidéronse conceder as licenzas de primeira ocupación das vivendas.

Co paso dado hoxe na Xunta de Goberno para a recepción das obras da Fase 1 ábrese a posibilidade de que a veciñanza desta urbanización conte cos servizos básicos de iluminación pública, limpeza e recollida do lixo e rozado de vexetación.

Compartir: