CONSORCIO

Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecen este sábado un concerto solidario a favor do proxecto da biopsia líquida

31/03/2017 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago, colabora co proxecto de investigación da biopsia líquida, a través dun concerto solidario protagonizado por varios alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro.

Celebrarase mañá sábado no Ensanche compostelán, na confluencia da rúa Alfredo Brañas coa República do Salvador (na esquina da farmacia). Comezará ás 13:00 horas e prolongarase durante algo máis dunha hora.

O concerto arrancará co Trio en Si bemol maior de Franz Schubert, que será interpretado por un violinista, unha viola e unha violoncellista. De seguido soará o Dúo para dous violíns do compositor húngaro Béla Bartók. Logo o público asistente terá a oportunidade de gozar coa obra para percusión Tchik de Nicolas Martynciow. E o broche final da actuación porao a Sonata para violín solo nº 2 de Eugène Ysaÿe.

O concerto enmárcase dentro do programa "Músicos pola biopsia líquida", que reunirá o sábado no Ensanche compostelán a máis de 150 músicos de diferentes escolas e conservatorios a prol deste proxecto, coa colaboración de Santiago Centro e o Club Financiero de Santiago. Polos comercios do Ensanche distribuiranse unhas 150 huchas. A recadación que se reúna destinarase integramente a Oncomet, o grupo de investigación sobre a biopsia líquida, pertencente ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, unha proba que permitirá diagnosticar un tumor con maior rapidez a través dunha mostra de sangue.

Compartir: