MEDIO AMBIENTE

José Luis Cuerda visita Santiago nunha actividade encadrada no programa "Descarboniza! Que non é pouco"

30/03/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentou hoxe unha actividade que se encadra no programa "Descarboniza! Que non é pouco". Trátase da proxección da película "Amanece que no es poco", á que asistirá o seu director, José Luis Cuerda.

A cita será o seis de abril, ás 18.30 horas no Teatro Principal. Ao remate da proxección, o cineasta manterá un encontro co público asistente e responderá ás súas preguntas. O edil agradeceu "a boa disposición mostrada por José Luis Cuerda, que non tardou en aceptar a invitación para visitar Compostela e participar nesta actividade".

Na rolda de prensa tamén participou Miguel Pardellas, do Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC que impulsa o programa "Descarboniza! Que non é pouco". Segundo explicou, o título deste proxecto "é unha homenaxe inconsciente á película de Cuerda", estreada en 1989. Tamén lembrou que este filme foi definido como "sub-ruralista", un concepto que tamén ten moito que ver co proxecto impulsado pola concellería de Medio Ambiente.

Miguel Pardellas explicou que as entradas, que son de balde previa retirada de invitación, xa están dispoñibles na billeteira do Teatro Principal no horario habitual. Tamén apuntou que a través das redes sociais de "Descarboniza! Que non é pouco" iránse recollendo as preguntas que os usuarios lle queiran formular a José Luis Cuerda.

Balance do proxecto
O proxecto "Descaboniza! Que non é pouco" púxose en marcha a comezos deste mes de marzo co obxectivo de contribuír á redución da emisión de gases de efecto invernadoiro. Para iso, o Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC está a organizar e a acompañar, a través da rede de centros socioculturais, a grupos de persoas "dispostas a descarbonizar os seus estilos de vida".

Miguel Pardellas recordou que están en marcha tres grupos: un con mulleres de máis de 60 anos na Lavacolla, outro con mozos e mozas en Vite, e un terceiro mixto no centro sociocultural de Fontiñas. Segundo explicou, o que ten o traballo máis avanzado é o de Lavacolla, onde as propias mulleres optaron por reflexionar sobre os seus hábitos de alimentación e a súa relación co cambio climático.

Nese sentido, "estase a traballar coa recuperación da memoria do que comían cando eran novas, e de cómo cultivaban as terras". En Fontiñas, no proxecto "Descarboniza! Que non é pouco" están implicadas unhas quince persoas, que elixiron o tema da enerxía eléctrica.

Compartir: