CONSORCIO

O Concello aposta por un novo modelo que desestacionalice e desconcentre o turismo

30/03/2017 Os concelleiros de Turismo e Espazos Cidadáns, Marta Lois e Jorge Duarte, participaron esta mañá como ponentes do VII Encontro de Xestores do Patrimonio Mundial que reúne en Santiago a profesionais do turismo e o patrimonio.

Na súa intervención, os concelleiros analizaron os datos turísticos de Compostela que o ano pasado acadou cifras récord en canto ao número de visitantes e pernoctas "cun crecemento do 34% en relación ao ano 2006". Ademais, Marta Lois puxo o foco no número de turistas que chegan á nosa cidade e dos cales un 30% son visitantes verdes, é dicir, que chegan á cidade á pé. "Por iso", subliñou, "é importante que sexamos quen de levalos a coñecer as zonas verdes de Compostela".

A concelleira expuxo tamén as principais problemáticas que afectan, dende hai moitos anos, ao turismo en Santiago. "Son problemáticas", engadiu "vinculadas entre si e moi relacionadas co patrimonio". Trátase da baixa estadía media na cidade, a estacionalidade da demanda e a concentración e conxestión turística.

Gobernanza do turismo
Jorge Duarte e Marta Lois presentaron os retos e obxectivos que o goberno se marca na xestión do turismo nunha cidade patrimonio como Santiago a medio prazo. "Queremos definir un novo modelo de gobernanza do turismo integrado na estratexia do modelo de cidade, que parta da corresponsabilidade entre distintos sectores da cidade".

Outro dos retos marcados pasa por reducir a presión sobre o monumento, as prazas e rúas do casco histórico para evitar que se convirta nun "parque temático". Neste sentido Jorge Duarte lembrou "a decisión que tomamos como goberno de establecer unha moratoria no casco histórico que ten como obxectivo fixar poboación na zona vella de Compostela". Un reto "complexo" que pasa por "potenciar o alugueiro de longa duración no casco histórico que a día de hoxe se centra fundamentalmente en usos turísticos".

Posta en valor de toda a cidade
O novo modelo turístico aposta pola descentralización e desconxestión das zonas máis saturadas. Para iso é preciso poñer en valor o conxunto patrimonial de Santiago, a oferta cultural e a Compostela Verde, unha cuestión que xa foi debatida no Consello Municipal de Turismo.

Jorge Duarte recuperou o lema da campaña organizada polo Concello para conmemorar os 30 anos da declaración de Santiago como Cidade Patrimonio da Humanidade. "Os corazóns de Compostela", salientou, "vennos a dicir que unha cidade non é excepcional só polo construido senón tamén pola súa xente e a súa paisaxe". Así, o Concello quere poñer en valor aqueles elementos patrimoniais que son descoñecidos incluso para a veciñanza.

Finalmente a concelleira de Turismo fixo fincapé na necesidade de avaliar o impacto que os apartamentos turísticos están a ter en Santiago, baseándose no novo decreto autonómico que permite que afloren e saian da situación de alegalidade na que se atopaban.

Compartir: