XUNTA DE GOBERNO

O Concello incrementa nun 50% a asignación ao programa municipal de Axuda a Domicilio

27/11/2006 A proposta da concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira, a Xunta de Goberno local deulle o visto bo á modificación do contrato de prestación do servizo de Axuda no Fogar subscrito coa empresa Geriatros, no senso de ampliar o número de usuarios.

Trátase dun programa de asistencia persoal, especialmente enfocado cara á terceira idade, que ofrece axuda para a realización das tarefas domésticas a aquelas persoas con dificultades para levalas a cabo. Desde o inicio do programa, a finais de 2003, detectouse unha ampla demanda do servizo, e mesmo había unha lista de espera de máis de 20 persoas.

Para facer fronte a esta demanda existente, o Concello decidiu implementar en máis de 100.000 euros a asinganción ao programa, establecendo en 320.000 euros o presuposto actual do servizo. Este incremento permitirá rematar coa lista de espera, aumentando así o número de persoas que poden desfrutar desta iniciativa e que verán mellorada substancialmente a súa calidade de vida. Nestes intres benefícianse do servizo 150 persoas, cunha media de idade de 76,4 anos.

A Xunta de Goberno local tamén aprobou a adxudicación das obras de rehabilitación do edificio anexo á Escola Municipal de Música, na rúa Betanzos, á empresa Jesús Martínez Álvarez Construcciones, por un importe de 228.341 euros. O inmoble converterase nun centro de creación cultural deseñado especialmente para os mozos. Tamén será un espazo de formación cultural coa realización de diferentes obradoiros. A obra ten un prazo de execución de 6 meses.

Así mesmo, dáselle o visto bo á revisión de tarifas dos taxis e do tanatorio de Boisaca, que se comezarán a aplicar a partir do 1 de xaneiro.

No campo das infraestruturas, a Xunta de Goberno local aprobou o orzamento, o prego e o inicio do expediente de contratación das obras de remodelación do campo da festa de Lamascal, en San Xoán de Fecha. Case 60.000 euros serán investidos nesta obra para crear un espazo público, polivalente, de uso lúdico e deportivo, e unha área de xogos.

Compartir: