PLENO

Aprobado o estudo de detalle que permitirá construír un aparcadoiro nas proximidades do Hospital Clínico

16/03/2017 O Pleno da Corporación aprobou este xoves, por unanimidade, unha proposta do Goberno para o cambio na ordenanza de usos dunha parcela municipal situada no contorno do Hospital Clínico, que permitirá construír neste ámbito un novo aparcadoiro público. A proposta, que xa non se debateu por acordo da Xunta de Voceiros, súmase a outra modificación xa tramitada para que as parcelas do grupo de vivendas de San Ignacio de Loyola volvan ter uso residencial, unha vez desbotada a posibilidade de que a nova Facultade de Medicina se constrúa neste ámbito.

Segundo o estudo de detalle aprobado hoxe, o aparcadoiro a construír nesta parcela municipal tería tres plantas, aproveitando a diferenza de cota dos terreos, e máis de 300 prazas. Na súa parte superior acondicionaríase unha praza, que serviría de conexión peonil co Hospital Clínico.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, explicara esta mañá en rolda de prensa que esta é a segunda modificación urbanística que impulsa o Goberno local no contorno das vivendas de San Ignacio de Loyola, tras coñecerse que finalmente esta non será a localización da nova Facultade de Medicina. O primeiro cambio tivo como obxectivo devolverlle o uso residencial ás parcelas onde se sitúan as vivendas, "o que permitirá afrontar a súa rehabilitación e mesmo a instalación de ascensores".

A segunda modificación é un estudo de detalle para ordenar os volumes e os viarios de acceso ás parcelas, e contempla a previsión de uso dos terreos municipais para a construción dun aparcadoiro de tres plantas, con entre 150 e 180 prazas por andar. O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que o estacionamento aproveitaría a diferenza de cota de ata dez metros da parcela, de xeito que a parte superior do edificio quedaría convertida nunha praza pública, que tamén serviría de conexión peonil co propio Hospital.

Jorge Duarte explicou que o Goberno impulsa esta modificación porque entende que "hai que buscar solucións ao importante déficit de prazas de aparcamento no contorno do Hospital Clínico", e salientou que este estacionamento viría a sumarse "aos que haberá que proxectar vinculados á nova Facultade de Medicina e baixo o heliporto do CHUS". Por iso, o concelleiro de Espazos Cidadáns apostou por buscar a colaboración entre administracións para financiar a posible construción do aparcadoiro, "tendo en conta que o principal beneficiario sería o complexo hospitalario". O edil apuntou que o aprobado en pleno é un primeiro paso para ter ese estacionamento, e mostrouse convencido de que "o proxecto poderá verse reflectido nos orzamentos de 2018 do Concello, da Xunta e mesmo da Universidade de Santiago".

Fachadas en Vista Alegre
Doutra banda, o Pleno da Corporación aprobou tamén por unanimidade o estudo de detalle de criterios compositivos e estéticos no tratamento das fachadas do barrio de Vista Alegre.

Solicitude da declaración de ARI para A Almáciga
Tamén por unanimidade, o Pleno da Corporación deulle luz verde a unha proposición do PSOE para solicitar a declaración de Área de Rehabilitación Integral para A Almáciga. Nesta zona da cidade hai unhas 2.000 vivendas construídas entre as décadas dos 60 e 70, con problemas de accesibilidade e de conservación.

O concelleiro de Espazos Cidadáns advertiu que esta solicitude "non pode xerar falsas expectativas, porque o principal problema que están a ter as ARIs é a falta de fondos para financiar as obras". Ao respecto, Jorge Duarte lembrou que "nos orzamentos estatais de 2011 contemplábanse 1.126 millóns de euros para rehabilitación, fronte aos 400 millóns que figura na proposta de contas para este 2017". O concelleiro tamén formulou a posibilidade de que se soliciten dúas ARIs distintas, para cadansúa parte do barrio da Almáciga.

Estación de mercadorías da Sionlla e mellora da sinaléctica
Os catro grupos da Corporación tamén votaron a favor de dúas proposicións presentadas polo BNG. Na primeira delas, ínstase á Xunta á construción dunha estación ferroviaria de mercadorías na Sionlla, tal e como se contempla no Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Na segunda proposición do grupo nacionalista ínstase á posta en marcha dun plan de sinalización viaria rural e urbana, de cara a mellorar a mobilidade no Concello de Santiago e a localización dos espazos públicos destacados, así como a recuperación da toponimia.

Compartir: