ACCIÓN CULTURAL

Teatro, festivais, música e as accións polo Día da Muller protagonizan a "Compostelánea" de marzo

28/02/2017 A primeira tenente de alcalde, María Rozas, deu a coñecer en rolda de prensa o número de marzo de Compostelánea, a publicación municipal que informa da ampla oferta cultural e de ocio de Santiago. Trátase do oitavo número desta revista mensual, que naceu no pasado mes de xullo co gallo de ofrecer a habitantes e visitantes de Santiago de Compostela unha guía práctica da programación cultural e turística compostelá.

A reportaxe principal está dedicada ao 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Por mor desa xornada, a Concellaría de Igualdade, de forma transversal con outros departamentos, organiza un amplo abano de actividades que inclúen teatro, campañas de sensibilización nos centros escolares, talleres, exposicións, conferencias e ata un partido de fútbol sala feminino. Entre as accións programadas destacan a intervención artística Sons cor violeta, que terá lugar nos soportais do Pazo de Raxoi o 6 de marzo ás 20:00 horas, a cargo de María Xosé Domínguez, ou o espectáculo teatral Bravas e diversas, de Chévere, o 8 de marzo ás 20:30 horas. As entradas son de balde previa retirada na billeteira do Teatro Principal.

O primeiro Valle-Inclán en galego
Ademais, do 3 ao 11 de marzo chega a Santiago A cabeza do dragón, a primeira obra de Valle-Inclán que se representa en galego e que chega á nosa cidade cando se cumpren 80 anos do seu falecemento. Está dirixida por Quico Cadaval e será apta para todos os públicos para que poida ser gozada tanto por nenos e nenas, como adolescentes e maiores. Trátase dun fito histórico e por iso ocupa a portada, unha páxina de "Non perdas" e o artigo de opinión, que escribe Carlos Santiago, axudante de dirección da obra.

Santiautor
En canto á oferta musical, marzo tráenos a volta do Festival Santiautor, unha iniciativa de Sónar que naceu co obxectivo de amosar as distintas variantes de música de autor que conviven hoxe no país, alternando artistas consagrados con artistas noveis. O festival tráenos neste mes a 13 artistas, entre os que destacan Rozalén (11 de marzo no Auditorio de Galicia) ou Funambulista (24 de marzo na Sala Capitol).

Máis música, teatro, narración oral...
Tamén no apartado musical, non se pode perder o concerto de Sophie Auster do vindeiro 31 de marzo no Teatro Principal. A cantante presenta en Compostela o seu terceiro traballo, Next time, no que rememora os grupos de mozas dos 60, Peggy Lee e o soul dos 70. Ser filla de Paul Auster e Siri Hustvedt dálle unha dimensión intelectual a esta artista neoiorquina que aos 8 anos estudaba canto e enseguida comezou coa interpretación.

Complétase a programación musical co Ciclo de Órganos Cantantibus Organis; os concertos da Real Filharmonía de Galicia, a Banda Municipal de Música e a Orquestra Sinfónica de Galicia; e os concertos na Sala Capitol, entre os que destacan os de Love of Lesbian os días 16 e 17 de marzo.

A axenda destaca tamén a quinta edición do Festival Atlántica do 15 ao 19 de marzo; a Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea que inauguramos no Auditorio de Galicia o 21 de marzo, comisariada por Matilde Rodríguez; ou a Festa das Uñas de San Lázaro.

Ademais, en Compostelánea podemos informarnos tamén das representacións teatrais de O soño dunha noite de verán, de Voadora; La especie dominante, de Teatro Guirigai, e Ubú Rei, de Talía teatro; das carteleiras de cinema, de todas as exposicións da cidade e da axenda cultural completa de todo o mes. Tamén dos horarios de museos e monumentos e das visitas turísticas.

Compostelánea é editada polo Concello de Santiago e conta coa coordinación da Concellaría de Acción Cultural e Turismo de Santiago.

Compartir: